20100323

De cunchas e insectos

David Antonio López Álvarez é ribadense. Descoñecido por moitos, non obstante é coñecido alén das fronteiras por especialistas e coleccionistas de cunchas e tamén de insectos. Xente que ten en consideración os moitos anos de traballo, recopilación, clasificación e estudo adicados ó tema por David.
En Ribadeo, ten presentado xa hai moitos anos (no século pasado) unha parte das súas coleccións na Feira da Ciencia, onde a xente puido admirar as formas das bolboretas, os matices das cunchas ou os escaravellos que ás veces parecen guerreiros armados feitos en metal. Antes e despois ten viaxado e exposto en diversos lugares da xeografía galega e asturiana (sempre con partes e non coa totalidade das coleccións, por ser demasiado grande o conxunto para unha exposición temporal ó uso).
Dende que coñezo a colección, está máis ou menos decididamente na procura dun lugar onde expoñer as pezas que ten. Estou a falar dun tempo que abrangue abondo máis de dez anos, e durante o que non se materializou aínda unha exposición permanente. As últimas noticias que teño del indican que está en contacto co concello e á espera de que sexa unha realidade a recuperación da fábrica de alginatos da Vilavella para o servizo público, para tentar el, á súa vez, facer realidade unha exposición permanente de pezas da súa colección. Á espera, pero tamén lembrando que no seu momento tivo esperanzas e conversas para que a exposición fora amosada na Casa da ría de Ribadeo en Santa Cruz, na actualidade notoriamente insuficiente para o espazo expositivo mínimo necesario.
Espazo mínimo que se comprende cando se sacan os números a relocer: estou a falar de varios miles de cunchas (unhas 5 000) e unha cantidade algo menor, pero tamén de varios miles, de insectos, así como números menores doutras pezas interesantes clasificadas noutros tipos de colección. Un conxunto que pode constituír por si só un museo moi ben equipado: as pezas non só están ordeadas, senón clasificadas e polo tanto etiquetadas e caracterizadas. E non só hai as pezas, senón un saber facer: o coleccionista mantén o conxunto en bo estado despois de ser case sempre el mesmo quen fai a preparación das pezas e a recollida de campo (para o caso de moitos insectos) ou os contactos correspondentes para conseguir novas pezas arredor do mundo, a traverso dunha rede ben tecida de correspondentes e outra xente que, sen ser afeizoada, consigue algunha peza que cree interesante e coñecéndoo, pónse en contacto con el pasando o exemplar a engrosar a colección.
Un conxunto listo para ser posto en valor, que na actualidade ocupa un apartado lugar en caixas, fóra da vista do público, exceptuando algunha que outra exposición parcial e temporal. Estuches preparados, que debido á súa forma e acondicionamento poden servir de vitrinas de exposición e viaxar como tales a diversos lugares para ser contempladas as pezas no seu interior, pero que non deixan de ser caixas de almacenamento.
E, mentras a colección segue a aumentar, Ribadeo segue sen aproveitar as posibilidades que lle ofrece a actividade dun particular que podería ser un atractivo de primeiro orde para a potenciación turística desestacionada. Algo que, xunto con outras posibilidades como o Castro das Grobas, podería ter unha incidencia considerable no futuro de Ribadeo.

1 comentario:

Anónimo dixo...

E o realmente triste do tema e que o rapaz ten oportunidade de levar todo a outra cidade e él só quere telo en Ribadeo. Leva anos esperando por Ribadeo e coido que seguirá a esperar.