20100328

Mariñarte


Onte non puiden asistir á inauguración de Mariñarte. Houbo difusión a prensa e na circular de Cultura, por onde tamén chegaron as convocatorias apra diversas actividades para esta semana Santa, que complementa a oferta dos actos propiamente eclesiásticos. Deixo a continuación a exhoratación da concelleira de cultura que viña coa invitación:
"MARIÑARTE chega este ano á súa cuarta edición.
Podemos dicir que fai pé, que se chanta neste recanto de Galiza que é Ribadeo e conecta co resto do país amosando linguaxes plásticas que van cos tempos. Abrimos as portas do forte San Damián e dos escaparates da vila para que mozos e mozas da Mariña ou vinculados a ela amosen o que bule na súa cabeza, nas súas mans, no seu corazón.
Proveñen moitos deles do bacharelato de Artes de Burela e están agora moitos deles estudando en Pontevedra. Fan un camiño de ida e volta á súa casa para amosarnos o que están a descubrir, o camiño que están a andar. Esta Concellaría de Cultura séntese orgullosa. É un pracer acollelos na nosa casa.
Hannos visitar tamén moitos pícaros e pícaras, rapaces e rapazas, cos seus ollos a esculcalo todo. Patricia Gómez vainos guiar a través de zapatos con céspede, cadeiras con pinchos, pinturas de mozos con cans, imaxes de nus, fotos de xeometrías, de luces que semellan lámpadas, pinturas extrañas unhas veces, doces e tenras outras. Desexamos que o pasen ben mentres percorren as nosas rúas ollando as vitrinas da man dos seus mestres e mestras. Ha ser unha saída diferente.
E desde aquí queremos dar as grazas aos centros de ensino, ao CCA de Ribadeo , á fundación La Caixa e á Área de Cultura da Deputación de Lugo, sen cuxa colaboración esta idea non estaría completa. Os nosos parabéns por esa actitude aberta e xenerosa que amosaron desde o principio.
Mariñarte sae do forte e chega á vila. Unha primavera máis desexamos que a arte vos toque.
Ribadeo, marzo-abril de 2010"

Ningún comentario: