20100313

Pleno o luns 20100315, con tratamento da protección contra a contaminación acústica

A información de 'primeira man' que teño é a do propio concello na nota de prensa correspondente, acompañada por algunha cousa máis que saiu nos papeis, como que van ser vinte os puntos da orde do día, ou que os hostaleiros están mobilizados(e mobilizando) polo tema da aprobación da OMPCA (Ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica), que coido está tal cual como foi aprobada en pleno de 2006 e foi comentada no blog aquí. Por certo que a ordenanza mirouse xoves (20100311) en comisión informativa e contou co voto a favor do BNG e a abstención do resto.
Como é un tema que trato dende longo, de seguro que o voltarei a tratar, mesmo con lembranza de actuacións xa pasadas, pero polo momento deixo asemade os puntos básicos das miñas alegacións (que, segundo a prensa, foron rexeitadas xunto coas outras presentadas pola avv Tesón), e sorrío eu mesmo ó ver que non foron considerados os dous últimos puntos, que básicamente se refiren á responsabilidade das persoas que compoñen a estrutura visible do concello, ou que se seguen a manter as disposicións transitorias despois de non seren aplicadas normas xerais que datan de hai arredor de dez anos, algunhas das que estaban recollidas xa en documentos municipais anteriores.
"Unha vez visto o texto da proposta de ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica, aprobada previamente no pleno de 10 de xullo de 2006, presenta as seguintes alegacións:
O feito de que no articulado aparezan disposicións transitorias despois de anular o articulado do RAMINP que regulaba o ruído e posteriormente adoitar a normativa tipo que xa entrara en vigor total en Galicia, aínda máis de dous anos despois das correspondentes disposicións transitorias, constitúe unha grave violación dos dereitos dos cidadáns para favorecer actividades que non corresponden con normativas xa en vigor dende hai tempo en Galicia.
Considero que debe ser revisada a redacción do articulado referente á suma de efectos sonoros, por non adaptarse ó feito de que cada local, alomenos polo momento, leva asociada xente na rúa, que a cantidade de xente correspondente e polo tanto o ruído asociado, non corresponde proporcionalmente co número de locais, que sempre se produce unha acumulación cando hai locais próximos, ... cousas que se teñen esgrimido polo concello para calificar o ruído dentro da categoría de 'xente na rúa' e non de 'locais', e non se está tratando de atallar agora.
Non se contemplan nin as zonas acústicamente contaminadas pedidas polos veciños nin se fai relación máis que teórica das zonas previstas na normativa, sen criterios de aplicación suficientes. Tampouco se contempla a denegación automática de licencias a menos de 50 metros de locais xa funcionando. O anterior pode provocar, como xa se ten dado, que locais con licencia de bar/cafetería podan pechar ás 3:30 da madrugada e ter música e manter xente ata esa hora a poucos metros de outros con licencias de cierre posterior e que se 'animan' a horas máis tardías que eles. Dentro deste grupo de consideracións, tamén hai que encadrar que non se especifican criterios para a adaptación da normativa cando hai locais relativamente xuntos.
O articulado remite a un PXOM que polo momento non contemplou a normativa que se pretende nin a actualmente en vigor en Ribadeo e tamén en vigor en toda Galicia dende hai anos, co que debe redactarse de novo contemplando estes extremos para adaptarse á normativa tipo existente.
Non se pode permitir un sistema de 'autocontrol' como alternativo e non só complementario ás inspeccións do concello. Eso significaría un resignamento de funcións en favor de intereses privados.
Deben de tipificarse as terrazas e a normativa correspondente, xa que non están suficientemente especificadas, o que significa un vacío legal.
Hai algunha cuestión lingüística que hai que corrixir, como no artigo 14.2, despois de 'musicais', que considero necesaria unha coma, no 16.3, a corrección no tipo de dB nalgún lugar, a contemplación da reordenación feita pola Xunta dos tipos de licencias, ou o art. 37, no que se refire a un número de articulado que non corresponde.
""
Faltan por ser contempladas cousas que se veñen practicando na noite ribadense, como o tirar vidro ó contenedor (normalmente de lixo xeral, non de vidro) de madrugada ou os vasos rotos na rúa a calquera momento da noite, ou o consumo fóra dos locais, que está correlacionado fortemente coa producción de ruído se os locais están ben illados.
Entendo que debera de haber asemade unha especificación de responsabilidades de cumprimento dentro do concello, como garante da normativa. Esto evitaría deixar a apertura de expedientes a cargo dos veciños polo procedemento de denuncia particular, o que entre outras cousas, non favorece a convivencia veciñal que debe favorecer o concello.
Considero que hai máis variacións que facer, pero sobre todo, que a redacción debe refacerse despois de extremar o cumprimento da normativa actual para mirar tanto as alegacións presentadas neste documento como noutros que poda haber e facer unha redacción clara que poda ser asemade distribuída entre veciños e locais e mesmo poda ser consultada por internet."

Ningún comentario: