20100309

A princesa que quería ser muller


Onte, dentro dos actos relacionados coa muller en Ribadeo, celebrouse a entrega de premios das curtas realizadas por estudantes dos centros educativos de Ribadeo sobre o tema da violencia de xénero.
As autoras de cinco guións foron agasalladas (coido que todas eran rapazas) entre os 19 guións propostos, e foi amosado o vídeo gravado a partires do guión ganador. O seu título era o que encabeza a entrada, 'A princesa que quería ser muller'. En algo máis de 10 minutos desenvolve unha trama dunha pícara que celebra o seu cumpreanos infantil e se ve transportada a un mundo no que é xa moza e se relaciona sucesivamente e corta a relación, con dous mozos. queda a idea de que eses cortes a tempo lle dan a liberdade para por fin ser muller, adulta con tódalas consecuencias e sen ataduras.
Quedeime co título, nun sentido diferente do que é tratado no vídeo. Quizáis hoxe é necesario tratar ás pícaras e pícaros con algo menos de maxia e algo máis de realidade. Porque a vida non se desenvolve nun lugar máxico, senón precisamente na realidade. E o equilibro entre a maxia, necesaria para poder cambiar o que hai, e o sentido das limitacións propias non é doado, pero é necesario para desenvoltarse.
No caso da violencia de xénero coido que tamén é algo así: necesidade de un pouco de formación, outro pouco de previsión, outro pouco máis de concienciación, ... sabendo que a realidade está ahí, moitas veces tanto a familiar como a social, e distinguindo bien que a realidade é a que é e as necesidades poden formar outra nova realidade, pero que por eso mesmo, aínda non é.
Pouco a pouco, as cousas van cambiando, aínda que moitas veces sexa aproveitando outros cambios que se atopou polo camiño a idea orixinal. Por exemplo, neste caso, a incorporación da muller ó traballo e a súa independencia económica: ó ir variando a realidade, vai variando a oportunidade das 'novas' ideas de igualdade. Con conciencia de que só é unha oportunidade, pero tamén de que unha parte importante do cambio é debida a ese factor externo.
Deixo unha imaxe de Maria Skłodowska (imaxe da gl.wikipedia.org) como unha lembranza de que as mulleres ocupan pouco a pouco a metade do ceo que lles corresponde, con traballo, ás veces con colaboración e outras en solitario, pero case sempre, perdendo algo no camiño: por exemplo, a identidade de sometemento. No caso da imaxe, mesmo o nome.

Ningún comentario: