Despois de finalizar o prazo para presentar candidaturas á presidencia da Asociación de Comerciantes (ACISA) / Centro Comercial Aberto (CCA) de Ribadeo, só unha lista:
Francisco Iriarte (Gráficas Ribadeo) - presidente
Ramón Leivas (Garaxe San Andrés) - vicepresidente
Roberto Rivas (Restaurante Marinero) - secretario
Mar Torviso Verdeal (Opticalia) - tesoureira
Vogais, Manuela Torviso (Lencería Torviso), José Luis Botana (Calzados Botana) e Manuel Sanjurjo (Bar A Ribeira)
E parecería que xa está: unha soa lista, non se presenta o presidente actual á reelección, asamblea o 10 de maio, e todo transcorre sen sobresaltos.
Pois non. A transición en ACISA tampouco é suave. Se se mira un pouco as verbas de Gervasio Cao, non deixa de ter razón en parte do que di. Fai falta contrastar para ver que non ten razón en todo, mais, sobre todo, que debera matizar. Aí está, por exemplo, o caso do cambio de chaqueta do PSOE no tema da ordenanza de Protección acústica: di que é frivolizar. E estou medio de acordo (o adxectivo coido que debera ser máis duro), porque non especifica se frivoliza agora, se frivolizou no momento de presentación inicial da normativa, se o fixo en ambos, ... e a postura de Cao respecto deste tema nos anos que leva na presidencia foi moito máis linear, pero tampouco unívoca. Ou o tema da peonalización: coido que que tivera unha parte importante nela ACISA, na súa promoción, non implica que haxa que deixar fóra da mesma ó goberno municipal, aínda que ó mellor ACISA pretendera, e mesmo lograra nalgún momento, erguerse como goberno na sombra. Non obstante, a súa labor deu pulo a ACISA, abríndoa a diversos campos, como ó trato de igual a igual cos equipos de goberno municipal, e investigando noutros, como no tema dos Proxectos Europeos, e procurando sempre relacións e influencias.
Na súa marcha, ten unha postura 'igualitaria', reparte estopa a tódolos partidos. Máis ou menos: fala de 11 anos de presidencia e adícase ós últimos gobernos locais, pero non ó que correspondería ós seus primeiros catro anos á fronte da asociación. Por certo, o nome de Cao leva soado máis dunha volta como candidato á alcaldía de Ribadeo, algo que ata agora non sucedeu. As eleccións están xa á volta da esquina, e como persoa que leva ocupando un espazo mediático e de poder en Ribadeo durante máis dunha década, sempre pode haber sorpresas.
Os últimos actos de Gervasio parece que foron a súa intercesión por Juan Edrosa e Andrés Tojal para que recibiran o recoñecemento da federación de autónomos. Pensaba que ningún dos dous o era, pero parece que me equivocaba e pode ser autónomo un cabeza de empresa. Alomenos en certo xeito, Cao tamén é autónomo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario