20100430

Dende pequeniños

A educación dende pequenos é algo lóxico. Antes facíase na familia, agora aínda nese nivel vai pasando ás mans de institucións, debido a diversos factores, dende o traballo das nais á necesidade de socialización dos pequenos entre iguais, nunha sociedade que non da moito pé a facelo doutro xeito.
En Ribadeo hai unha guardería dende que eu lembro, é dicir, alomenos dende comezo dos oitenta. Guardería que salvo pequenas novas, non xerou polémica debido ó seu funcionamento. Na actualidade, con 107 prazas e extendendo a súa labor dende os poucos meses, sendo bebés, ata a entrada nos colexios, atende á maioría de pequenos da vila. A extensión de prazas, un aumento de 30 hai tres anos, variou a situación, de tal xeito que agora hai unha queixa colectiva. A nova non da pé a saber se a protesta é unánime, pero si o da para saber as causas: persoal (3 postos creados por dito incremento de capacidade) contratado por 9 meses cando o período de funcionamento anual se extende por 11. Iso implica como mínimo a posibilidade dun cambio 'gratuíto' nas persoas contratadas pola Xunta que cuidan dos pequenos. O resultado, en calquera empresa adicada a outra cousa, sería un menor rendemento. Aquí ese 'rendemento' pasa asemade por un desacougue dos pequenos un ano si e outro tamén, como pode dicir calquera psicólogo ou pai. Ou sexa que a razón é sinxela e abordable: un contrato de 11 meses en troques de un de 9 e outro de 2, diferente do anterior. A cousa sería un pouquiño máis doada se non fora porque eses dous contratos diferentes e consecutivos para un mesmo posto se fan por razóns administrativas de precariedade para os empregado: se se fan de máis de nove meses, non poden ser contrato por servizos, e os dereitos do traballador (neste caso, en xeral, traballadoras) increméntanse. Por exemplo, os contratos por servizo non dan dereito á liquidación.
A imaxe, a zona entre o cantón e a ría, coa guardería sinalada cunha cruz, no sitio onde antigamente estaba a praza de touros.

Ningún comentario: