20100419

Memoria dos oficios de Ribadeo


O próximo xoves 22, ás 19:30, con entrada libre, terá lugar no auditorio Hernán Naval de Ribadeo a presentación da 'Memoria dos oficios': catro vidas, catro oficios ribadenses. Os oficios do mar, un ebanista, unha modista e un xastre, nunha montaxe audiovisual.


A nota recibida mércores 21 de abril:
O Centro de Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galiza en colaboración co Concello de Ribadeo, presentará a iniciativa Memoria dos Oficios o xoves 22 de abril ás 19:30 horas no auditorio municipal Hernán Naval. O acceso é libre e de balde.

Este proxecto foi levado a cabo o ano pasado no Telecentro e nel participaron dúas mulleres e dous homes do municipio, entre os 65 e 80 anos, que nos quixeron contar algo dos oficios tradicionais e das súas vidas.

Memoria dos Oficios nace cun dobre obxectivo: por un lado facer uso das novas tecnoloxías e, por outro, recuperar as lembranzas sobre os oficios tradicionais do pobo ribadense.

Os catro protagonistas, (unha muller de mar, un ebanista, unha modista e un xastre) foron capaces de elaborar un video conxunto no que se narra unha historia con imaxes, música e voz en off para relatar as súas experiencias e coñecementos sobre os oficios tradicionais.

*A imaxe das leiteiras é de Ruth Matilda Anderson. Nos anos 20 fotografou Galiza para a Hispanic Society of America

Ningún comentario: