20100422

Mirando cara fóra: as multas dúctis

Comeza (quizáis máis ben continúa) a ser frecuente que aparezan novas nas que un sector produtivo pide menos severidade na aplicación da lei para o seu beneficio. O último caso na viciñanza é o de Navia, hoxe nova porque o comercio critica á policía local polo celo nas multas. O motivo da queixa ó fin vése que non é que se poñan moitas ou poucas multas, senón que as multas poden facer fuxir clientes. É dicir, a mentalidade é a de que as multas deben adecuarse ad-hoc, que deben poñerse á conveniencia do comercio.
O corporativismo é algo moi visto, a defensa dos intereses dun conxunto definido como se fora un só ser, asumindo que unha parte pode facer mal as cousas pero 'é a nosa parte'. Algo así como se unha persoa estivera enferma do corazón pero o resto do corpo asumira que como o corazón é parte integrante do corpo, habería que defender a maldade do corazón. Coido que é ilóxico, pero é algo corrente, que a nivel empresarial vai un pouco máis aló, algo así como se para garantir que alguén esteña mellor relativamente, outra persoa debe ser obrigada a enfermar.
Para iso non coñezo un nome parello ó de 'corporativismo', pero non por iso deixa de estar tanto ou máis desenvolta unha tradición nese sentido, dende a contaminación (tentando de rebaixar niveis para permitir excesos, ou rendibilidade para algúns a conta de enfermidade do que é de todos) á nova de hoxe, onde o que se pretende é modelar a aplicación da lei para beneficio dun colectivo.
Para rematar, unha cousa a ter en conta: dase a tódolos niveis con diferentes temas. Exemplos? Dende 'América para os (norte)americanos' ou 'o que é bo para a General Motors é bo para América' para abaixo, os que se queiran.

Ningún comentario: