20100408

Os cans de Ribadeo


Remata de facerse público un bando sobre as obrigas dos propietarios de cans en relación ás deposicións na vía pública dos animais compañía.
En relación co tema, lembrei un posto de aviso en Porto ó que hai algún tempo lle fixen unha foto, que adxunto. No seu momento, chamoume a atención o lema no seu letreiro, “non deixe no noso chan o que é só do seu can”. E é que o can é do seu dono, pero o pobo é de todos.
Aquí lévase falado varias veces, e tomado medidas en teoría outras tantas, para evitar que as beirarúas e os parques sexan un perigo para os zapatos ou para os nenos. Quizáis sexa lembrando esas iniciativas previas que na nota de prensa se fale de 'este novo aviso' e que se indique que a Policía Local “fará o seu traballo e sancionará” ós propietarios que leven o can sen bozal ou non recollan as deposicións correspondentes. Posiblemente se a poboación estivera afeita (é dicir, todos nós estiveramos afeitos) a que despois dun período prudencial de adaptación as normas hai que cumprilas, non faría falta o 'novo aviso', a advertencia de sanción, etc.
O feito é que en Ribadeo hai xa dende algún tempo atrás postos para subministrar bolsas e recoller as cagadas, e xente que o fai. A primeira vez que o vin, mirei entre asombro e curiosidade: coller unha cagada do chan, e dun can... Hoxe, aínda que a experiencia siga a ser limitada, xa non é raro ver que alguén recolle as feces do seu can ou cadela. E hai algo que non podemos esquecer: a merda que se recolle ó momento non se ve; a que se deixa, vese ata que se recolle. E segundo o horario, sitio e demáis, pode ser vista por moita xente. Se se recolle, en certo xeito é como se o can deixara o espazo libre, mentras que se queda a cagada, o espazo está ocupado, fáis visble a súa ocupación, e de mal xeito. É dicir, é moito máis doado ver a merda que estimar a limpeza. Por iso tamén, e para compensar, debera haber algún medio de facer visibles as persoas que cumpren coa recollida
Quédome con parte da cita final do alcalde: "vivimos nun mundo no que tratamos de ser o máis civilizados posible, tentamos ter unha cordialidade entre todos para compartir o medio que nos rodea”. Para iso soe ser necesario un pouco de vontade e de bondade.

Ningún comentario: