20100420

Plans e información

En Ribadeo hai censadas unhas 10 000 persoas, das que son maiores de idade unhas 8 000. Canta xente sabe que é o POL en Ribadeo? E canta lle botou unha ollada?
Quen lembra a estas alturas que o PXOM está en trámite de revisión de alegacións? Coido que máis ou menos todo o mundo sabe que é e que o Plan Xeral de Ordenación Municipal, tratando cuestións relacionadas co urbanismo, segue en tramitación. Pero a falta de novas sobre o tema fan que desapareza da memoria. No seu momento, moveuse abondo porque afecta a propiedades e prácticamente á totalidade de familias do municipio, e todo o mundo quería saber aquelo de 'que hai do meu?'. Unha vez máis ou menos fixada ou alegado o que sexa que corresponda á parcela particular, parece que remata o tema. Pero non é así: o 'tema' afecta a todos en conxunto, a parte das propiedades particulares de cada quen: a ordeación xeral non se fai, non se pode facer, de xeito independente unha parecela da outra. E non só está por rematar, senón que parece que o seu remate se alonga no tempo cada vez máis, e tamén se complica o camiño. Unha mostra do primeiro, o alonxamento no tempo, é que aparentemente falta tanto para dar carpetazo ó PXOM como faltaba hai un ano. En canto ó segundo, a complicación que conleva, pódese dicir 'nestas estabamos cando chegou o POL'. Aínda con todo eso, o PXOM segue desaparecido, e mesmo tendo en parte esa desaparición a protección legal do segredo que leva consigo a tramitación, para que non haxa privilexios informativos.
O POL, Plan de Ordeamento Litoral, foi presentado pola Xunta a comezos de ano e pódese acceder a diversa información sobre o mesmo (por exemplo, en http://www.ilux.es/es/POL, http://www.xunta.es/litoral/web/index.php/descargables, http://www.xunta.es/litoral/web/index.php/cartografia), ó tempo que o periodo inicial de contestación e presentación de alegacións ou propostas dos concellos foi ampliado de dous a tres meses. Nese tempo, en Ribadeo un ('1') partido con representación no concello fixo varias charlas para difundir esa mesma información. E ... e máis nada. As propostas? Nos días xusto de saída, críticas a traverso da prensa, pero que lembre, non propostas de variación en firme, apoiadas por datos e con xuízo. Dende aquela, e xa en datas de remate de prazos para resposta dos concellos, nada ... e o POL ven con algúns cadros (espazos para obxectivos, accións, etc) que só especifican 'A completar tras a fase de participación pública e consultas'. Por algo será.
Así as cousas, parecería que o POL non afecta moito a Ribadeo. Mais con só ver que ten catro unidades paisaxísticas separadas para a ría de Ribadeo e outras tres na costa cantábrica, todas elas en terreo administrado polo concello de Ribadeo, e abranguendo polo interior as zonas tratadas en planos ata puntos como o Comado, é difícil dubidar da súa importancia para o municipio e da conveniencia de prestarlle un pouco máis de atención e de informar á xente de se hai ou non propostas dende o concello para a súa modificación.
Por certo, o POL, de sere rematado antes que o PXOM (cousa moi probable), obrigará a redibuxar aspectos do plan xeral, pois terá que aterse ás normas deste, o que aínda alongará máis a data na que podamos ter un PXOM do século XXI en troques dun vetusto PXOM con 33 anos e facéndose máis vello. Anos nos que Ribadeo cambiou abondo e outros Ribadeo foron posibles.

Ningún comentario: