20100530

Reflexións dende o tesón


Os tesóns de Ribadeo son lugares privilexiados para a observación e a reflexión. Teñen o privilexio de permitir estar en moitas ocasións a un só, tendo á vista á ría e podendo observar as cousas en perspectiva. Nunha bela perspectiva na que se teñen a man non só Ribadeo, senón As Figueiras, Castropol e aínda, ó fondo, A Veiga, máis os espazos entrambas, como esta mañá nos tesóns de Vilavella e Mirasol. Case Mirasol_Vilavella porque se podía pasar andando tranquilamente dun ó outro. Perspectiva na que se pode ver a marabilla da paisaxe dende o centro da ría, ó tempo que a acción da man do home, dende a grúa macro das Figueiras ata á nave verde do porto da Veiga (concello de Castropol), pasando polo desgarrón que hoxe por hoxe ten Castropol pola construcción na ladeira duns edificios, ou moitas outras cousas na beira galega, dende os recheos ás urbanizacións sobre a ría, sen esquecer a mesma praia dos bloques, convertida en lodazal como advertira Isidoro Asensio. Os tesóns teñen a avantaxe de que desaparecen baixo a marea, e volven a aparecer renovados, como dispostos para ver cousas novas dende alí. Asemade, se se chega e se sae facendo un pouco de exercicio, cun pouco de traballo, da tempo a que as ideas repousen e se vaia cambiando de perspectiva pouco a pouco, sen sobresaltos, apousando suavemente.
Alí pódese reflexiona tendo á vista a ría de Ribadeo ou o pobo. E pódense comparar as cousas que se din ou que se observan sobre eles. Por exemplo, o tratamento diferente entre Asturias e Galicia. Na toma de Google maps, Ribadeo leva cuberto xa un ano longo, ata as catedrais, de néboa. A divisoria na ría permite a Asturias estar libre dela e nidia. Na ría non se observa tal. É diferente ou non? O que é diferente parece ser o trato que se lle da a unha ou outra parte, dende o nome ó coidado. Seguindo con Google, aí está aínda o río de Ribambo (0, 1, 2, 3, 4, 5, 6, ...), que leva camiño de converterse, a este paso, no nome da ría, máis aló do de ría do Encontro ou del Eo, e por suposto, que o de ría de Ribadeo. Polo que parece, xa hai algún tempo que o concello enviou un escrito para a rectificación, despois de que O Tesón iniciara a campaña pola recuperación do nome, traendo mesmo á televisión. Polo momento, sen resultado. Parece que quen ten menos defensa institucional e empresarial é precisamente a ría de Ribadeo. E non só polo nome. Aí está o Plan de ordenación que se pide dende hai anos, o PORNA, que como moito recoñécese como convinte en troques de necesario para podelo ir adiando.
Sube a marea e o tesón desaparece. Volverá a baixar e poderase ir de novo e observar paseniñamente.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Teño a seguridade de que estámos ante un caso de composición de foto. Para min parece evidente que de duas fotos fixeron unha. Descoñezo a verdadeiras razóns para elo. Pro nótase moito o amaño.

agremon dixo...

O que se fai nestes casos, por defecto, é ir xuntando fotos sucesivas. E para renovalo, fáise por zonas. Pero mira ti que resulta que o límite de zona coincidiu case exactamente co 'límite administrativo', e non descartaron as tomas con nubes para Galicia, nin deixaron as tomas anteriores por defecto de calidade destas.