20100524

Ribadeo, Ribadeo

Coido que sería máis descritivo para a entrada un título como 'o que se comenta do futuro no concello', 'o mentideiro verdadeiro' ou algo polo estilo, pero como eses comentarios atinxen a Ribadeo e pouco se nomea ó propio Ribadeo neles, queda así.
Como están as cousas? Despois da cuestión de confianza, queda a presentación da moción de censura. Se sae adiante, novo alcalde. Se non, aceptación de presupostos e continuación do alcalde. Para que saia adiante, ha de presentarse un candidato apoiado por sete votos, é dicir, a maioría sinxela da corporación de 13 edís.
Óense cousas como as que vai ter que pasar ou que poderá aproveitar quen continúe este ano escaso de xefe do goberno municipal. Entre as primeiras, o derribo das cumbreiras ou o traxecto da liña eléctrica que alimentará a subestación necesaria para o polígono. Entre os posibles aproveitamentos, quizáis a inauguración do polígono.
Pero sobre todo, están as apostas sobre o manexo dos votos no pleno da moción. Vaia por diante que o que segue non é máis que comentarios traídos aquí como moitos outros que de seguro se me escaparán, e que poden servir para facerse unha composición de lugar, pero que non teñen un significado particular nin un respaldo direito máis aló do que poda ser unha charla de bar.
Está o sentido dos votos de UPRi, e dise que en principio non ten moita importancia: PP + PSOE dan 7 votos, polo que non é necesario o partido para a moción, e quizáis por iso o partido destacou que apoiaría máis ou menos calquera opción en contra do goberno municipal actual. De calquera xeito, cos dous de UPRi só faría falta un do PSOE, e iso si pode ser importante.
O PSOE é a clave da moción, pois cos seus tres votos pode apoiar o que diga o PP, pero chega con só un para que saia adiante algo con apoio de PP e UPRi. É dicir, que coa premisa anterior de UPRi non faría falta que o PSOE votara de xeito unitario. E a semana pasada mentras que o partido a nivel provincial mantíñase na ortodoxia do convenio co BNG para ocupar os concellos, a nivel local decantábase 'polo mellor para Ribadeo'. Mesmo a liberdade de voto, cunha opción de cada edil nun sentido diferente, serviría para o apoio da moción. Hoxe está prevista unha xuntanza, mentras que nos burladeros, prensa incluída, destácase a enemizade entre xefes de filas de PSOE e BNG, o que podería inclinar a balanza. Fanse cálculos asemade sobre as posibilidades de presentación á alcaldía para un novo mandato o pŕoximo ano, pero tamén se inclúe que as posibilidades actuais do PSOE son demaisado baixas como para que teña importancia quen vaia de primeiro nas listas, ou mesmo a posibilidade de que un xuíz inhabilite ó xefe de filas un tempo e polo tanto este teña menos interese para seguir os dictados feitos a nivel provincial.
En canto ó PP, mentras que se di que non podería rendibilizar un mandato tan curto, tamén hai que considerar que podería servir para dar a coñecer ó candidato do partido nas próximas municipais, o que concelva votos, que o mero feiro te estar 'un momento' na alcaldía sen dar tempo a desgastarse, é dicir, o partir dunha situación de poder de cara ás próximas eleccións, daŕia unha porcentaxe de votos adecuada, xunto co anterior, para permitirlle chegar a unha maioría abasoluta no 2011. Que un período así de curto podería servir de instrucción a un segundo de a bordo para manexar o concello entre 2011 e 2015, ... vamos, que o PP si que tería motivos en principio para presentarse como alternativa na moción. Con quen de xefe? Xa ten un portavoz, JC Rodríguez Andina, que dese xeito remataría como alcalde un periodo que xa adiantou hai tempo que non ía continuar, aínda que polo momento non se teña sucesor (ver no blog entradas anteriores referidas ó tema da sucesión no PP). Presentaríase como titor de quen fora a continuar no posto coordinador ribadense (contando que fóra un dos actuais edís) e o partido non teria tanta urxencia de designar xa un candidato, ó tempo que a influenza do actual xefe de filas sería superior.
En contra xoga que tería que preparar unha estrateixa de goberno así, ás présas, e que estaría polo momento sen orzamento e vendido para calquera acción ó gobernar en minoría. Pero esto último tamén lle pasa ó BNG.
Queda unha opción que tamén se baralla, pero entendo que con pouca forza: que Paco Rivas, que provén do PP e ten contactos nese partido, voltara á primeira liña municipal da súa man, cercenando un posible xaleo de candidatos no PP e, ó xuntar votos da actual formación súa cos do PP, chegar a unha maioría sen moito problema no 2011.
E o BNG? Simplesmente, á espera: non é quen ten que presentar a moción, e polo tanto polo pronto, a tentar seguir gobernando o tempo de impasse. Á espera , como Ribadeo.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Parece que Ramón López, do PSOE, disponse a apoyar ao PP. E a pregunta é: ¿Porqué non o fai Balbino, o xefe de filas? Porque así queda limpo para liderar o partido de cara a vindeiras eleucións. E Ramón, co intelixente que é,picou. Claro que a Balbino non lle fixo falta moito esforzo para convencer a Ramón. ¡Pobre Ramón!