20100608

75 minutos para algo xa decidido

Cinco cuartos de hora foron empregados nos prolegómenos, de algo que xa estaba decidido.
Comezou a cousa con 16 persoas nas filas do público e unha longa, moi longa, lectura da acta da comisión informativa por parte do Secretario (o que, facendo dous incisos, me lembra a diferencia de tratamento de temas segundo intereses diversos e que hoxe os funcionarios do concello teñen pensado facer folga de brazos caídos, seguindo ó seu xeito a convocatoria funcionarial, o mesmo que outros colectivos). Alí saíron moitos detalles, máis dos que daría collido ó voo, dende as obrigas previas de Aquagest sobre o mantemento da rede de augas ás intervencións do sr. Moreda Gil, arquitecto municipal, pasando polo detalle de ser avalada a decisión por tres arquitectos (un técnico) e deixada sen respaldo, pero sen negativa, por secretario e interventora. Saíron tamén cousas que ían voltar saír despois, que o PP fixera outros cálculos pero obtivera o mesmo resultado de orden, a sombra de prevaricación, o declinar de responsabilidades do secretario, ... A votación na comisión foi 4 (BNG, PP) contra 3 (PSOE, UPRi)
Comezou despois a deliberaciónda obra de 1 025 000 €, polos escanos de UPRi, cun son pésimo que impediu que collera os razoamentos.
O PSOE acusou de dilacción ó BNG, en contra do que di estoutro partido, debido ós dous retrasos sufridos, acusou de que parece que lle estiveran facendo o traxe a medida á empresa adxudicataria, fixo amago de anunciar un recurso victorioso das empresas non adxudicatarias, segundo Ramón López, debido a que non se respetan as normas de adxudicación, e preguntou ó secretario polo feito de que Aquagest xa tivera que facer o mantemento. A resposta versou sobre que calquera empresa adxudicataria estaría facendo cousas para Aquagest, non para o concello, e que iso debería valorarse para as compensacións pertinentes (algo que xa saíra tamén na lectura correspondente do dito na comisión)
O PP, por boca de Andina acusou ó PSOE de meter medo coa xudicialización, animando así a que as empresas tenten facelo, e non ter en conta o método seguido, senón perseguir á empresa adxudicataria. Analizaron e decidiron, pois aínda que na súa análise os números non coinciden, si que o fai o orde co resultado da baremación do concello. O que si se apuntan é ó retraso producido polo BNG. En canto ás subcontratas que se di que haberá, aseguran que calquera outra empresa están seguros de que tamén subcontrataría. Como comentario, queda o punto de por que non tiñan logo estudado xa o tema no pleno no que se tratou a adxudicación (aquí, ligazóns sobre os plenos nos que se tratou).
A intervención do alcalde recorreu varios puntos, apoiando que a cousa era técnica e polo tanto na realidade pouca discusión posible había, e sorprendeume cunha frase na que indicaba que ogallá fora licitada a obra direitamente por Fomento para quitarse problemas de enrriba. Algo que coido que vai contra os principios que defenden os grupos de autonomía municipal (se ben de cando en vez xurden ideas semellantes sobre as bondades da centralización por parte dun ou outro grupo)
Unha segunda rolda foi moito máis rápida: UPRi dixo que lle quedaba un detalle, o saber quen ía inaugurar a obra, o PSOE preguntoulle ó secretario, por boca de Ramón, un sorprendente 'Vde. leeu as bases?' (naturalmente, con resposta positiva), nun intento de provocar algún tipo de posicionamento negativo daquel, e o PP remarcou que son conscientes de que os seus votos non son necesarios, pero que van votar a favor. O alcalde, na última intervención, e a conta da pregunta de Paco Rivas, propuxo que, caso de ser rematada estando el de alcalde neste periodo (matización que estimo dobre) foran os 13 edís da corporación a inaugurala.
A votación, segundo o previsto, si BNG e PP, e abstención de PSOE e UPRi.
A parte do pleno, e a raíz de varias dúbidas expresadas nel, pregúntome por que non se fai nas condicións un apartado puntuable que esixa un sistema de avaliación da obra realizada, verificable pola propia empresa e polos técnicos municipais ou calquera outra persoa técnica na materia. Sería algo así como incorporar á puntuación unha 'proba do algodón', algo que no sistema educativo se fai (aínda que sexa moitas veces de xeito deficiente) pero nestes casos, parece que non.

Ningún comentario: