Día a día váise facendo camiño, faise camiño ó andar, como dicía Machado. E día a día, con ilusión, vamos cara ó futuro. Menos mal que o ser humano (tamén) é así.
Aquí fálase e quéixase un moito da política ou a sociedade local, pero non extraña, a tenor do que ten ocorrido e ocorre noutros lugares ou a nivel xeral. Non fai falta irse ó engano de Hitler de provocar un conflito para comezar a invasión de Polonia ou o referirse á sua 'solución final'. Aí está, dende hai cousa dunha semana, demostrado que alguén minte no afundimento do 'Cheonan' entre as dúas Corea, ou o ametrallamento polo exército israelí da flotilla con axuda a Gaza, acusada de provocación. E elixo cousas de fóra, non a nivel España, sabendo que por estes lares hai de sobra exemplos, de hoxe, do século pasado e dos anteriores.
En tódolos casos haberá defensores que xustifiquen os ataques ou as mentiras; máis aínda, que tenten dicir que os años atacaron ós lobos dun xeito despiadado. O que as cousas non sexan en xeral brancas ou negras, senón algún gris intermedio, facilita a cerimonia da confusión. Confusión da que se tenta sacar proveito. A famosa propaganda de Goebbels non foi a única, atopándose entre os países belixerando na súa contra casos semellantes de xustificación. Ou é que o célebre bombardeo de Dresde foi feito polos alemáns? Os intereses hai moito que se apropiaron daquelo de 'o fin xustifica os medios', e se en tempos idos os medios dos poderosos resultaban redundantemente poderosos, son chegados outros nos que os medios a disposición dilúense, fánse lixeiros, suaves, mesmo invisibles, pero non menos poderosos.
Ligazóns para apoiar o que digo? Centos de miles. Tantas que non son necesarias aquí. E tamén para xustificar posturas contrarias. Non tantas quizáis, pero abondas para crear confusión.
1 comentario:
Hai que ter moito valor para decir o que vostede dí, do ataque israelita a ese barco cargado con axuda humanitaria, e en augas internacionais. Pero neste caso, ten toda a razón, non hai maneira de xustificar tamaña falcatruada contra do Dereito Internacional.
Publicar un comentario