20100728

Os cativos resisten

Ribadeo segue puxante no turismo. A praia de Augas Santas, as catedrais, é unha referencia e parece que a costa de tempo e de visitantes, ata se comenten menos erros sobre a súa pertenza a Ribadeo. A oficina de turismo está chea día tras día, e nun momento calquera pode coincidir unha cola á que a persoa de atención non da abasto, sumándose este ano o Xacobeo en función do Ano Santo compostelá. Onte mesmo, xa ben avanzada a tarde, 10 persoas esperaban a que tres mulleres eslovacas camiño a Santiago recibiran a información que pedían, que non era pouca, tratando de aproveitar non só o camiño, senón o mellor posible a súa estancia / paso por estas terras. Na mesma oficina, as bicis para alugar. E unha exposición. E o repositorio de bookcrossing, que nesta tempada movéuse, vaia que si, ata pensar na necesidade de voltar a poñer máis fondos bibliográficos despois de reducirse á metade os alí mantidos. O tempo, acompañando, cun Sol que foi deixando paso ás nubes que hoxe cobren a nosa vila pero que manteñen unha temperatura de verán, que será entre 17 e 22ºC segundo a web do concello, que pouco a pouco máis facéndose máis útil, ou 17 - 24ºC segundo a previsión no lateral desta mesma páxina. O ascensor, inaugurado para a foto, inútil polo momento, sobre o porto que xa puxo a funcionar a nova cafetería do náutico, penúltimo dos locais comerciais abertos, de cafeterías a tendas de produtos naturais, pasando por promotoras de actividades lúdicas. As polémicas diversas, dos orzamentos á participación nas actividades infantís, por poñer dous casos. O ruído nouturno, campando polas súas recentes tradicións, como poden testemuñar os veciños de Antonio Otero que asinaron unha petición ó alcalde. As actividades, continuando como co festival de curtas OnOff deste ano, que comeza hoxe cunha presentación ás nove no cine teatro, ou a exposición de pintura feminina no Forte de San Damián estes días (por certo, con algunha ribadense expoñendo que non aparece no programa ni no cartel) ...
É no contexto anterior no que se pode observar que son os cativos os que resisten portando a tradición de bañarse en Mirasol. En tirarse dende o peirao, no seu extremo sur, amosando as súas habilidades ou desfrutando cos seus xogos dentro dun terreo que na actualidade está valado e que pode cerrarse en calquera momento. O peirao comercial de Ribadeo xa deixou de ser hai algún tempo un lugar para o paseo xeral. Non por ser un perigo o estar deambulando por alí mentras se estiba, senón polos barrotes que tentan impedir o paso e desviar o tráfico tanto rodado como a pé pola rúa feita ex profeso. Así, o porto pouco a pouco é segregado non xa de Ribadeo, senón da cabeza dos ribadenses como lugar propio. Son pois os cativos os que fan o mesmo que os seus pais, que os seus avós, tirarse dende o peirao ata a auga en marea chea, apropiándose de novo dun espazo que trata de vedarse para calquera actividade fóra da estritamente portuaria. Cativos que están á vista de quenes desfrutan da praia dos bloques, na que moitas veces eles mesmos teñan a súa base (e é que se casa con dúas portas mala é de gardar, o peirao ten as portas de terra e os peldaños que suben dende o mar). Cativos que dan envidia non polo desfrute, senón pola liberdade que da o saber que están a facer algo natural iñorantes ou pasotas de que as normas impostas esteñan xa prohibíndoo.
Mentres que se vexan os cativos bañarse dende o peirao, o porto seguirá a ser de Ribadeo e non de Portos, aínda que sexa en disputa ou a tempo parcial. Será así por moito tempo?