Á beira, un esquema da parte máis externa da ponte dos Santos sobre a ría de Ribadeo. De esquerda a dereita vese a calzada dos vehículos, a protección que a limita, unha farola, o valado de separación co paso de peóns, o espazo do paso e a baranda.
Cando se fixo a ponte, había unha preocupación: que non impedira a comunicación veciñal, facendo posible o uso da ponte para peóns e bicicletas. Os tractores, que tamén pasaban, quedaron xa dende o principio arrumbandos, descartados para o seu futuro paso. E si, logrouse unha beira para peóns, e en teoría para bicicletas. Digo en teoría porque xa hai dificultades para cruzarse dúas persoas para canto máis as bicis. Pero, se deixo á beira o esquema, é para aportar unha solución que coido factible. O esquema erra o tipo de protección para a saída dos vehículos da calzada: é doutro tipo. Pero, por qu enon poñer o valado de separación xusto á beira da protección? a nivel de mailla, para as bicis, ou do corpo, para as persoas, ganaríase un espazo de unha cuarta que faría abondo máis cómodo o paso de peóns e practicable para todos os ciclistas.
Enfocando a cousa doutro xeito, como me fixo notar Mariano Grueiro, hai pouco variaron a lexislación (regulamento xeral de circulación) sobre o permiso para que as bicicletas podan meterse nas autovías:
"
ARTÍCULO 38. Circulación en autopistas y autovías.
1. Se prohíbe circular por autopistas y autovías con vehículos de tracción animal, bicicletas, ciclomotores y vehículos para personas de movilidad reducida (artículo 18.1, del texto articulado).
No obstante lo dispuesto en el párrafo anterior, los conductores de bicicletas mayores de 14 años podrán circular por los arcenes de las autovías, salvo que por razones justificadas de seguridad vial se prohíba mediante la señalización correspondiente. Dicha prohibición se complementará con un panel que informe del itinerario alternativo."
O sinal de prohibición está na rotonda de Vilaselán. O informe de itinerario alternativo brila pola súa ausencia.
... por outra banda, a cousa lembra o intento de poñer peaxe nas autovías cando non existen liñas alternativas. No caso de Ribadeo, cara a Barreiros si existe estrada nacional alternativa. Cara a Asturias, a ponte, As Figueiras, Barres, quedarían sen itinerario realmente alternativo, implicando un retroceso a máis de vinte anos atrás.
Ningún comentario:
Publicar un comentario