20100806

Ir de xira

Pasou a Xira 2010. Xira en portugués aplícaselles ás rapazas bonitas, pero aquí o significado é moi outro: a xira de Santa Cruz ten o seu nacemento nunha romaría ad-hoc, na que a música de gaita galega, impulsada pola sociedade Amigos da Gaita, tiña a súa pedra angular. É dicir, a diferenza doutras romarías, coido que o seu nacemento xa foi festeiro de xeito independente a unha cuestión relixiosa, baseado nun movemento no ano 1955 e fortificado no 62 coa sociedade Amigos da Gaita e a inauguración no 1965 do monumento ó gaiteiro, do escultor Faílde, e dende aquela, na celebración do 'día da gaita'. Nese sentido,foi unha celebración das adiantadas ás festas de novo cruño, independentes de cuestións relixiosas ou históricas, que se foron extentendo por toda Europa ben por motivos económicos últimamente, ben de xeito máis sinxelo, pola eclosión dun espacio máis de diversión, algo antes.
Así, chegamos á tradición ribadense de xa hai medio século de subir de xira a Santa Cruz. E como tal tradición parece inmutable. Pero non.
Para comezar, a xira ... era en Santa Cruz. Nas últimas edicións a cousa fóise desprazando, coa substitución de monte por vila. O aumento de xente e a proximidade entre o espazo tradicional da xira e o centro de Ribadeo fan posible que pouco a pouco o número de xente en celebración festeira na vila aumente e retrase a súa subida. O que se ve aumentado pola afluenza de turistas que, máis alleos á tradición e máis urbanitas que os ribadenses, nunha certa volta a unha orixe romeira diferente, trocan a idea popular en Ribadeo da festa pola súa propia idea festeira, retrasando cada ano máis a subida e convertindo a romaría en festa urbanita. E isto non moitos anos despois de que o trofeo de fútbol 'Enma Cuervo' tivera que cambiar de día, despois da súa coinciendenca por longo tempo co da xira, na procura de algo máis de público que lle permitira unha oportunidade para tentar sobrevivir. A festa cada vez máis, fáise no pobo, de noite e de día, retrasando a subida á Santa Cruz ata horas tardías para comer, e retornando ó pobo en canto a xente se sinte con folgos.
Unha testemuña correspondente a un video feito con motivo da Xira de 2004 e colgado en internet que apoia o comezo do que remato de dicir: "(...) Ahora cada año va a más y los jovenes se emborrachan desde horas muy tempranas o días anteriores, van de vinos y despues suben a santa cruz donde siguen con la fiesta (...)"
Así, o que é 'festa' nun sentido que podemos dicir antigo, e o que é 'diversión' nun sentido 'moderno' tenden a confundirse na organización dos festeiros, e a romaría, a cambiar co mesmo sentido. Este ano fixo furor o barco vikingo, vistoso, que convertiu a xira nun antroido de verán para o grupo de participantes no mesmo. É previsible que dado o éxito, xurdan novas iniciativas de disfraz que rematen por incorporar, en breve, a xira ó antroido, despois de unha primeira intentona de realizar antroidos de verán aló a finais do século pasado como parentes do 'verdadeiro' antroido organizados pola mesma comisión, e como subsidiarios daquel. O precedente na organización de grupos está de xeito craro nas camisetas que comezaron a facerse hai uns anos identificando ás pandillas que subían, e ás que rápidamente se lle foron incorporando diversos aditamentos a gusto da xente, dende un logotipo distintivoós nomes dos participantes, pasando craro está, por lemas alusivos, case indefectiblemente, á animación á bebida.
Un cambio que tamén se deu no que vai de década ou pouco máis foi o identificar gallaroufa e ruido con música e cancións, facendo a substitución entre ambos. Xurdiu así o que se podería chamar tema grupal máis que coral, onde o sentido pérdese en favor do sentemento do momento, que se enfatiza.
Así están as cousas estes anos. En diante, diría que polo momento seguirán a mesma tendencia, e despois Deus (e a xente) dirán.

1 comentario:

agremon dixo...

Outros artigos 'en clave sociolóxica' anteriores no blog:
Procesións e fauna