20100815

O centro da ría de Ribadeo

Dicir cal é o centro dunha ría non é doado. Non só porque pode haber diferentes criterios de definilo, que levan a puntos tamén diferentes, senón porque a marea fai que o centro se poda considerar variable, viaxeiro dentro dunha zona. Así, o 'centro' convírtese tanto nunha especie de elección persoal como nunha referencia. No meu caso, atoparíase máis ou menos centrado na imaxe, non lonxe de onde está marcada a cruz: xustifícoo en que a ría ten maís profundidade cara ó norte, máis lonxitude cara ó sur e un pouco ó oeste, e un gran brazo, a Lieira, cara ó leste, que compensaría esa pequena derivación oeste do fondo da ría. Ademáis, cadra entre os tres núcleos de poboación enfrontados dos catro que baña. Día 14 de agosto, a eso das dúas da tarde, hora legal: marea baixa grande, pero non especial, acompañada de presión alta, pero brisa compoñente sur, é dicir, compensando na práctica a influenza unha da outra. A cruz sinala na foto do sigpac un lugar onde comprobei que se podía estar de pé, sen mollarse. Está na liña entre a punta norte de Mirasol (a 300 m) e a de Castropol (a 450 m), fronte ás Figueiras xusto ó oeste de Gondán (1 km). Xa a foto indica abondo ben que aí hai un banco de area, pero que momento en que se tomou estaría mergullado. Pois ben, o 'centro', o corazón da ría, non sería ría, senón tesón. Entre algo antes das dúas e case as tres puiden comprobar varias cousas. Obsérvanse no fondo, perto da rada que forma o espolón dos Bloques co peirao de Mirasol, pero fora dela, colonias de algas ben asentadas, mentras a rada queda o ár, quitado un pequeno triángulo que limita ca punta do peirao. Nunca me costou tan pouco esforzo pasar a Castropol nadando. Na realidade, máis camiñando polos tesóns que flotando na auga. De feito, puiden medir que a lingua de area descoberta entre o tesón de Mirasol e o da Vilavella acadou máis de 50 m de ancho pola parte máis estreita. E que se podía pasar camiñando entre este último e as primeiras escaleiras dos bloques: do tesón na súa parte noroeste sae unha lingua de area que vai cara á punta do peirao, e que fronte ás escaleiras está xa prácticamente no chan da rada. Craro é que é preferible nadar un pouco ata a punta do espolón a enlamarse ó andar sobre o fondo . Sinxelamente, ese era onte o estado da ría. Entradas anteriores sobre o tema: Un recuncho da ría. A ría de Ribadeo, dende outro punto de vista. Asemade, facía moito tempo que non o lograba con tanta calma de barcos, fuxidos ó non poder calibrar os baixos que se podían atopar. -- Unha versión posterior:

A ría de Ribadeo, como un todo ou en relación a partes, leva sido tema conversas e novas. Polo nome e a polémica arredor del, pero de xeito primario pola propia ría, as súas características, conservación, etc. E visto o visto, coido que continuará así.

Dicir cal é o centro dunha ría non é doado. Non só porque pode haber diferentes criterios de definilo, que levan a puntos tamén diferentes, senón porque a marea fai que o centro se poda considerar variable, viaxeiro dentro dunha zona. Así, o 'centro' convírtese tanto nunha especie de elección persoal como nunha referencia. No meu caso, atoparíase máis ou menos centrado entre Ribadeo e Castropol, un pouco cara ás Figueiras: xustifícoo en que a ría ten maís profundidade cara ó norte, máis lonxitude cara ó sur e un pouco ó oeste, e un gran brazo, a Lieira, cara ó leste, que compensaría esa pequena derivación oeste do fondo da ría. Ademáis, cadra entre os tres núcleos de poboación enfrontados dos catro que baña. Día 14 de agosto, a eso das dúas da tarde, hora legal: marea baixa grande, pero non especial, acompañada de presión alta, pero brisa compoñente sur, é dicir, compensando na práctica a influenza unha da outra. Busco un lugar aproximado ó centro (de volta á casa, comprobo no ordenador: está na liña entre a punta norte do peirao ribadense de Mirasol -300 m- e a de Castropol -450 m-, fronte ás Figueiras xusto ó oeste dos asteleiros Gondán -1 km-. E comprobo que se podía estar de pé, sen mollarse. Nas fotos aéreas indícase abondo ben que aí hai un banco de area, pero tómanse con ese punto mergullado. Pois ben, o 'centro', o corazón da ría, non sería ría, senón tesón. Entre algo antes das dúas e case as tres puiden comprobar varias cousas:

- A ría, como é sabido e como corresponde a calquera outra, tende a colmatarse, é dicir, a encher o seu fondo con aportes tanto terrestres como marinos, facendo que o calado diminúa e parezan bancos de area e humedais. O proceso, que tantas veces se nomea para facer os dragados periódicos e case contínuos, segue a avanzar e maniféstase en pequenas cousas, como na colonización por algas do baixío do fondo da enseada dos bloques. Obsérvanse xa no fondo, perto da rada que forma o espolón dos Bloques co peirao de Mirasol, pero fora dela, colonias de algas ben asentadas, mentras a rada queda o ár, quitado un pequeno triángulo que limita ca punta do peirao.

- Entre o pasado ano e iste, púidose observar que a colonización algal achegouse abondo máis á beira do peirao de Mirasol, aumentando no resto a potencia da lama que o ocupa. No tesón de Mirasol ocorre algo parello, pois se o pasado ano as colonias de algas eran minúsculas, este xa medraron e forman montículos más acusados, aínda que continúen a ser pequenas colonias. E nos fondos entre o tesón de Mirasol e da Vila vella, tamén se apreza o fondo con limo máis que con area que constituía ata agora o chan formado e a masa que quedaba debaixo. É dicir, na zona estanse dando dous fenómenos complementarios: o aumento de algas e de lama nos lugares libres destas. A lama deposítase nos fondos ó ter a auga pouco movemento relativo e ser incapaz de arrastras xa abondas partículas microscópicas, indicando un réxime de circulación de auga menor, como corresponde neste caso ó peche en marea baixa do paso da auga entre os tesóns da Vila vella e de Mirasol. O que á vez, manifesta a evidencia da continuación da colmatación da ría, a pesares dos dragados. As algas colonizan un 'chan fértil', subministrado pola lama: non hai algas en abundancia en fondos de area, que non é fértil. Mágoa que, ademáis de a lama non ter un aspecto limpo en xeral, na zona dos bloques de unha impresión peor ó verse de cando en vez algún resto no fondo; algo que por outra parte, está facendo da praia dos bloques (abondo concorrida dende a construcción das casas que a dominan) un solario máis que un lugar de baño

- Este ano tamén viuse un velero francés, que coido que non é o primeiro ano que recala fronte as primeiras escaleiras dos bloques, na continuación do canal do porto, tumbado totalmente ó desviarse un pouco da posición idónea e quedar en marea baixa sen auga. A escea non se repetiu, pois inmediatamente despois abandoou o lugar.

  • Son curiosos os remuiños e correntes na zona, en particular as diferencias baixada/subida na punta E do peirao de Mirasol e na punta do espolón dos Bloques. Asemade, é curioso que, comezando a subir a marea, perto da cara norleste do tesón de Mirasol, exista unha corrente en sentido contrario.

  • Nunca costou tan pouco esforzo pasar a Castropol nadando. Na realidade, máis camiñando polos tesóns que flotando na auga. De feito, puiden medir que a lingua de area descoberta entre o tesón de Mirasol e o da Vilavella acadou máis de 50 m de ancho pola parte máis estreita. E que se podía pasar camiñando entre este último e as primeiras escaleiras dos bloques: do tesón na súa parte noroeste sae unha lingua de area que vai cara á punta do peirao, e que fronte ás escaleiras está xa prácticamente no chan da rada. Craro é que é preferible nadar un pouco ata a punta do espolón a enlamarse ó andar sobre o fondo. Tamén, facía moito tempo que non o lograba con tanta calma de barcos, fuxidos ó non poder calibrar os baixos que se podían atopar.

Centrando noutro aspecto o tema, o pasado ano, unha vez reamtado o verán, amosaba fotos que indican que a ría non está tan a salvo da contaminación como poidera parecer, referidas á parte asturiana. Dende aquela, que eu saiba, non se produxeron melloras nese sentido, nin noutros aspecto relativos á conservación do esteiro. E iso, a pesares de que aprece que xa vai funcionando o mecanismo da Reserva de la Biosfera Oscos-Eo-Terras de Burón, que con nome tan complexo pode que se debera a el o retardo na súa posta en marcha. Reserva que algún carto vai dando para os concellos que a engloban, entre os que están os que molla a ría. No medio deste tempo si que apareceu a primeira parte dun estudo sobre as rías galegas que incluía a de Ribadeo (na parte galega, e pregúntome como se pode dividir un estudo ambiental dunha ría en conxunto), que, deixándoa ben parada en relación a outras, non a deixaba inmune.

Tampouco se fai un estudo serio, que eu saiba, sobre a dinámica na ría (está colgado o estudo de hidrodinámica da ría de Ribadeo de Silvia Piedracoba -1 e 2-), que estuda a fondo unha parte fundamental da ría, pero non saca conclusións prácticas, necesita un adiamento, evita zonas puntuais pero claves de fenómenos costeiros e ignora a zona máis interna, de pouca importancia en principio pero directora do que sucede máis cara á saída), que é necesario para coñecer actuacións en profundidade (aínda que se despois non se lles fai caso, como ocorreu coa praia dos Bloques e as recomendacións de Isidoro Asensio...).

En fin, mentras, a visita do presidente de Portos hai poucos días serviu para avivar o enfrontamento Xunta - Ministerio de Fomento (se se quere, PP-PSOE), ou por outra banda, Ribadeo-Castropol, ou mesmo deixar a evidencia dos desencontros internos e desplantes en Ribadeo, dentro do concello. Desta, o tema foi o novo dragado da ría (90 000 m3, din), coa obriga de botar a area moito máis lonxe que ata o momento (deceas de millas marinas para a area sacada na parte galega da ría, cando en marzo de 2004, referín en Ribadeando, o libro, que daquela a area do dragado da canle das Figueiras se botaba a uns 700 m da punta da Cruz). Moito cabería falar do tema da colmatación, que xurde de cando en vez nos papeis e sempre asociado a temas económicos 'urxentes', con grandes verbas, esquecendo o longamente pedido plan integral para a ría. Por poñer un exemplo, fálase agora de 90 000 metros cúbicos. Se se ten en conta que o frente externo do peirao de Mirasol ten 500 m, e a anchura da canle asignada é de 120 m, sae que o dragado poderá afectar á profundidade no seu entorno nuns 1,5 m de media. Sen afectar nese caso á canle de desprazamento para a saída da ría... que se estreitou e está a colmatar máis rápido polas mesmas obras realizadas por portos, dende o recheo dos oitenta ata o espigón con saída xusto fronte ó embarcadoiro de Porcillán, ambos con pedras vistas á ría en troques, como mal menor, de superficie lisa, para deixar circular mellor a auga.

Ningún comentario: