O 16 de agosto de 2010 non foi un día calquera en Ribadeo. Houbo festa e saíron os Cocos, pero a festa sentiuse tamén doutro xeito máis profundo, nun lugar menos festeiro que San Roque, na oficina de turismo. Foi o día de presentación do libro 'Os Cocos de Ribadeo', festa esperada con motivo da que non saíron os cocos, senón que quizáis por primeira vez foron visitados nos seus actuais aposentos, a oficina de turismo construída no que eles viron durante moito tempo como 'a horta de Boado'.
O libro é unha homenaxe a esta familia ribadense, a máis alta e divertida con diferencia. A súa aparición marcou unha festa polo esperado. Pero non só por iso. Para os cocos foi algo máis, foi o recoller a súa historia, que en parte xa ampliamente coñecida antes do libro, pero que en xeral estaba desperdigada, e gardada en anacos nas cabezas de moita xente, agrupando nelas Cocos e a propia historia de cada persoa depositaria de lembranzas. Foi esa parte máis entranable a que viu a luz, agora xa para sempre.
O libro deixa marcado o pasado dos Cocos, fíxao, evita que se esquezan moitas vivencias. Pero tamén, e sobre todo, proxecta o seu futuro, mesmo sen intención de facelo. E é que en conxunto son moitas cousas, a historia dunha longa vida enteira, a que queda plasmada. E coa súa difusión, queda unha impronta de responsabilidade no pobo de Ribadeo respecto do futuro da familia que forma parte dende xeracións do imaxinario ribadense. Cóntase no libro que os Cocos teñen pasado por vicisitudes diversas, dende longos anos sen aparecer ata a morte de parte da súa prole. Cóntase que para construílos e para mantelos se necesitaron cartos, e quenes os deron. Cóntase que a súa percepción en Ribadeo ten cambiado ó longo da súa existencia. E agora, o ver por escrito toda esta información, ou as fotos que os sitúan e unen a Ribadeo en conxunto, pero tamén a moitas familias en particular, o pobo de Ribadeo vese impelido a tentar que os Cocos non volten a sufrir de novo vicisitudes. Atrancos como os que hai pouco máis dunha década facían que Gilberto, un dos artífices do libro, dixera na 'Comarca del Eo' por varias veces que ou se mantiñan os coidados á familia coqueira ou había que temer pola súa desaparición.
O libro xa propiciou un recoñecemento a algunhas das persoas que doaron cartos ou tempo e traballo. Dalgún xeito, foi o recoñecemento da dignificación desas persoas colaboradoras, e abriu a porta tamén á posibilidade de que as novas accións xerosas levarán ás persoas que as realicen a un estatus semellante, acadando o prestixio xeral en Ribadeo e o recoñecemento da súa labor.
Que o como se ven os Cocos vai variando co tempo é un feito, pero o libro ven a ser algo así como o documento de identidade que lles facía falta para pasar de ser insignes ribadenses, marqueses da Atalaia, a xente do pobo, uns máis, coas sús costumes e manías, a súa vida apartada e ó tempo, bullangueira nas súas saídas. Pola homenaxe ó seu pasado que é o libro, os Cocos teñen así un recoñecemento do seu dereito a unha existencia íntima con Ribadeo e esplendorosa no seu futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario