20100831

Os cocos tamén emigraron

(publicado no libro 'Os cocos de Ribadeo')

Os cocos tamén emigraron
De onde veñen os cocos? Os bonecos non teñen un nacemento como as persoas, pero si naceron nalgún lugar, da imaxinación das persoas.
Se nos fiamos da Gran Enciclopedia Galega, Coco só sería a referencia dun monte na serra do Candán, en Pontevedra, e A Coca unha aldea da parroquia de Mañón, en A Coruña. En Ribadeo sabemos que son algo máis.
Apareceu hai xa tempo unha referencia en La Comarca (1), que cita un acta da Confraría do Carme de 1870 que da pistas sobre a súa orixe: (...) “se acordó en dicha sesión el hacer unos gigantes nuevos, para los cuales y la misa, dio Dª Concepción López Cancelos en nombre de su hijo D. José Mª Iglesias, ausente en La Habana, 960 Rs. Vn”. Así aparece o certificado de nacemento dos cocos, en data de 1870, cun gasto de 917 Rs. en esqueletes e traxes. Nese mesmo escrito queda claro que non son os primeiros 'xigantes' que houbo en Ribadeo, senón só 'uns novos', do mesmo xeito que se desloce unha pista para buscar a súa orixe anterior: o nome que aparece é o de 'xigantes', non o de 'cocos'. Se nos fiamos do nome de 'cocos', parece que poderían estar emparentados coas figuras das festas do Corpus en Redondela (ou algunha das súas derivacións posteriores), onde, segundo a web do concello (2), representan a lenda de que “todo os anos un dragón (a "Coca") chegaba a Redondela para capturar virxes que despois devoraba. Os mozos mariñeiros de Redondela uniron as súas forzas para loitar coas súas espadas contra a Coca, á que venceron”.
Unha referencia sobre o valor das imaxes daa que 15 anos despois (1885) se pagaran 30 Rs. a un veciño por bailar os cocos.
A procura de datos de familiares anteriores dos cocos é menos claro. A tradición redondelana estaría na liña de tradicións norte-portuguesas, anteriores no tempo, “Cabezudos, xigantóns, Zés Pereiras-donos-das trovadas, a Coca, esas innumerabeis figuras do imaxinario e das festas do Norte, son fillos dun tempo de festa que xa non usamos, que por veces non entendemos.” dos que falan Francisco Sampaio e Mª do Carmo Serén (de quen está tomada a cita, dun artigo titulado 'Velhos heróis do mito, Gigantones, Cabeçudos & Cª'(3)).
Para un mellor entendemento desa tradición, dende Bélxica, de gran tradición e extensión de xigantes nas festas, fala Jean-Pierre Ducastelle nun artigo, 'Tradition festive en Europe', redactado con motivo dun proxecto educativo europeo: 'polo tanto, son as procesións organizadas para a festa local ou comunal as que deron os xigantes que teñen sobrevivido ata hoxe'. No mesmo escrito aparece, referido a España e a Portugal, o nacemento de xigantes asociado ó Corpus (como en Redondela). Tradición pois, que apartaría o nacemento dos xigantes estilo cocos dunha relación direita co antroido, se ben nunca se nega unha certa relación.
Outro estudioso belga do tema, René Meurant (4), tercia nas citas anteriores, e, despois de atribuír unha 'baixa densidade' de xigantes en España (exceptuada Cataluña, lugar primeiro no que aparece unha cita sobre xigantes en España), fai retroceder a 1265 o primeiro xigante rexistrado en Portugal, e o primeiro tamén en Europa, dos que hai máis documentos a partires de dous séculos despois (xa posteriores ó 'nacemento' noutros lugares) e que se reproducirían polo norte do país veciño, dando lugar á introducción dos xigantes nas festas de Galicia. Tradición festiva en Portugal que daría lugar a varios elementos relacionados cos nosos cocos: o acompañamento de gaiteiros, os cabezudos como corte dos xigantes, os fogos de artificio, a asociación posterior ó seu nacemento dos xigantes coas festas patronais, etc, incluíndo a existencia do dragón nalgúns lugares, caracterizado co nome de 'coca' para esta parte da fronteira, en Baiona ou Redondela, e posible orixe do nome dos xigantes ribadenses. Este autor tamén refire varios elementos máis que explicarían outras características: non só a Coca compostelá, posterior ós xigantes redondelanos, senón tamén a prohibición en España de diversas imaxes xigantes pola igrexa a partires do s. XVI, o que daría lugar a un certo atraso das ideas sobre xigantes na nosa terra en relación a outros lugares, e tamén á copia e reaparición posterior.
Así pois, cal é a orixe? Aínda está por atopar algún documento máis antigo que refira os ancestros dos cocos ribadenses, pero parece claro que os avós, emigrantes, hai que procuralos no sur de Galicia e norte de Portugal.

1.Singladura dunha cofraría ribadense (e II), Rua, Antonio. La Comarca del Eo, 20/7/2002, p. 8
2. http://redondela.isum.centromultimedia.net/ilive/grp.serviciosXerais.culturaTurismoOcio consultada en 9/07/2009
3.Referido en Gigantones & companhia. Ferreira, Virgilio e Serén, Mª do Carmo. Marca AG. Porto 2005
4.Géants processionnels et de cortège. En Europe, en Belgique, en Wallonie. Meurant, René. Commision Royale Belgue de Floklore, Bruxelles 1979, pp. 319, ss e artigos ss.

Ningún comentario: