20100825

Pequenas cousiñas, un feixe de novidades...

No verán, as actividades e a actividade acumúlase en Ribadeo. Tamén ocorre de cando en vez noutras épocas, pero por excelencia, o tempo que lle corresponde á acumulación é ista época do ano. Unha época na que non se para nin de noite nin de día, como remata de querer certificar nun comunicado a asociación de comerciantes felicitándose pola cantidade de público, como se os ollos non abondasen para ver que de novo se batiron índices de visitas en Ribadeo, en plena crise (e despois de varios comunicados do concello dando cifras de visitas da oficina de Turismo). Craro que os comunicados sempre teñen unha función. Non se para de noite, como pode certificar o anuncio xa onte en coche con altofalante (iso que está prohibido, si, polo mesmo regulamento de ruídos que di que está moi ben e non hai por que cambiar mentras se poda seguir a incumprir) dunhas novas xornadas festeiras nouturnas, neste caso no tamén novo lounge bar do náutico, con queimada e churrascada, outro establecemento máis que está agrupado nunha das cadeas que domina o sector en Ribadeo. Unha concentración que se vai facendo pouco a pouco dende hai tempo no sector de ocio nouturno en Ribadeo. Sen esquecer, respecto á actividade nouturna, mesmo cousas que non saen na prensa, como a última gresca do xoves noite (venres de madrugada, algo despois das 5, polas rúas Pasarón y Lastra, Viejo Pancho, ...) que se extendeu cousa de media hora e que non sei como rematou, pero craro, como todas estas cousas, rematou rematando. Eso, pola noite, que polo día pódense apreciar, a partre da cantidade de xente, por exemplo a existencia de novos comercios, como un kebap na zona vella, ou unha tenda naturista, baixando do Cantón ó porto deportivo, ou unha tenda de ocio (incluídas bicis con motor auxiliar ou clases de kite surf) na zona de San Roque, por poñer algúns exemplos e sabendo que hai outra morea de negocios de contido máis reservado, menos difundido por ser servicios máis puntuais á industria, ó comercio ou ós particulares, pero non menos activo. Despois están as iniciativas diversas. Como exemplo, as dúas exposicións que se están a poder ver estes días. Unha na oficina de turismo vella, da asociación de viúvas e simpatizantes (por certo, sempre digo que iso de simpatizantes parece como se houbera mulleres que simpatizaran con quedarse viúvas), que expoñen traballos manuais sobre telas despois dunha exposición parella de Gloria Lorenzo. A outra, na casa natal do Viejo Pancho, que agora serve para a Delegación de Cultura do concello e oficina da Asociación de comerciantes, pero tamén para sacarse algunha foto no patio traseiro (xa apareceu algunha na prensa estes días tomada alí) e para exposicións como a do Castro da Atalaia, en San Cibrao, da que deixo unha foto e acompaño outra tomada no mesmo castro. Por certo, se alguén se lembra de que sobre un castro máis próximo, o das Grobas, estaba previsto difundir hai xa un ano diversa documentación sobre as catas realizadas, que o esqueza, pois a información aínda non está difundida (máis ben está 'difusa'). De calquera xeito, a exposición é tamén unha excusa para a visita desta casa, que despois de tempo restaurada, polo momento estivo sen uso, pero a partires deste mesmo verán, pouco a pouco se lle vai dando. Deixo dúas fotos, unha parcial da biblioteca (futura polo momento, pois non ten libros, pero aproveitable como sá de estudo) e outra dos libros embalados da biblioteca de Daniel Cortezón, á espera de ser clasificados, ó mesmo que boa parte aínda dos de Dionisio Gamallo Fierros, e que pouco a pouco se irán incorporando ás estanterías. A casa, ademáis da sá que se está a usar para exposicións, ten un lugar para charlas, que é previsible teña un bo desenvolvemento futuro, aínda que a súa comunicación por medio de só unha barandiña sobre un lugar que debera ser silencioso como a biblioteca fai un pouco chocante o seu uso. Pódese seguir con actividades co anuncio do espectáculo Etheria, do Centro Coreográfico Galego, que terá lugar mañá no Cantón, ou os campamentos de verán urbanos e medioambientais que están a ter lugar, ou o anuncio xa feito das novas xornadas de medio ambiente, ... por actividade que non quede. Mesmo se pode engadir outro tipo de actividades, estas non para participar, senón para presenciar e desfrutar unha vez rematadas, como o adecentamento da rúa da Muralla grazas ós hortos que se cederán para cultivo dos maiores (xa se falou outra volta no blog sobre o tema), ou a finalización das obras na rua Deputación (ver foto final). Tamén, se pode ver estes días o resultado do comezo de obras doutro tipo, as que levarán nun próximo futuro ás Aceas dende a zona dos Bloques, visibles xa na desaparición dos cobertizos da fábrica de alxinatos, como aparece na foto penúltima. Tamén tardará en verse o resultado do comezo de novas rehabilitacións de casas, como a que onte mesmo se iniciou na r/Pasarón y Lastra. Asemade, unha actividade que dará que falar no final desta semana é a que ilustra a foto do peirao, con enormes estruturas que se están a montar (terán case 80 m de longo) e que servirán para levar un transformador ó comezo da liña de Pesoz. Transformador e liña que fan rememorar que en Ribadeo estamos á espera do trazado da liña eléctrica que alimentará ó polígono, xunto coa subestación transformadora correspondente, cousas ambas envoltas na polémica e das que non se sabe nada dende hai tempo. De calquera xeito, quen pase da altura de Santa Cruz polo Camiño de Santiago, camiño de O Valín, verá alí un pequeno centro transformador que xuraría que non había hai algún tempo. Voltando ó tema, costa traballo imaxinar como sairán esas estruturas do porto pola Vila vella. Pero sairán, estará calculado. Será un espectáculo. E tamén dará que pensar: vaia, o porto de Ribadeo serve para cargas especiais... No paseo por Ribadeo poderase ver tamén o ascensor recentemente inaugurado, que unha vez pasado o boom inicial serve e úsase para baixar as cestas de comida ós barquiños nos que se vai pasar o día (ou o medio día) na auga. E, polémica sobre gustos a parte, e mesmo deixando á beira que o mirador da Atalaia xa non o é tanto debido á estrutura, ou os cartos invertidos nela, pódese ver como as primeira choivas dende a súa inauguración deixaron charcos no chan, tanto na parte infeior como na superior (fotos nesta orde), o que volve a lembrar o tema do seu mantemento. En fin, no recorrido longo de hoxe quedan moitas cousas fora, mesmo curiosidades. Así, hoxe é mércores. Pasando polo mercado, lembrarase alguén do 'mercado alternativo' de Castropol? Unha soa, couas máis, por iso de que de mostra serve un botón: onte mesmo, na capilla lateral da igrexa de Santa María do Campo, que soe estar aberta moito tempo que a nave principal está pechada, deuse un caso curioso, un novo uso, a súa utilización como comedor infantil. Polo que parece, a cousa comezou cunha nai e un pequeno sentados 'tranquilamente'. Ó pouco, a nai saca as cousas e comeza a querer darlle de comer. O pequeno non para quedo, e cuchara en ristre, hai unha persecución pola nave. A persecución rematou detrás do altar, sentados ambos no chan. Está craro: Ribadeo 'is different'.

Ningún comentario: