20100809

Un recuncho da ría

A ría de Ribadeo, como un todo ou en relación a partes, leva sido tema en moitos post no blog. Polo nome e a polémica arredor del, pero de xeito primario pola propia ría, as súas características, conservación, etc. E visto o visto, coido que continuará así.
O pasado ano, unha vez pasado o verán, amosaba fotos que indican que a ría non está tan a salvo da contaminación como poidera parecer. Dende aquela, que eu saiba, non se produxeron melloras nese sentido, nin noutros aspecto relativos á conservación do esteiro. E iso, a pesares de que aprece que xa vai funcionando o mecanismo da Reserva de la Biosfera Oscos-Eo-Terras de Burón, que con nome tan complexo pode que se debera a el o retardo na súa posta en marcha. Reserva que algún carto vai dando para os concellos que a engloban, entre os que están os que abrangue a ría. No medio si que apareceu a primeira parte dun estudo sobre as rías que incluía a de Ribadeo (na parte galega, e pregúntome como se pode dividir un estudo ambiental dunha ría en conxunto), que, deixándoa ben parada en relación a outras, non a deixaba inmune.
A ría, como é sabido e como corresponde a calquera outra, tende a colmatarse, é dicir, a encher o seu fondo con aportes tanto terrestres como marinos, facendo que o calado diminúa e parezan bancos de area e humedais. O proceso, que tantas veces se nomea para facer os dragados periódicos e case contínuos, segue a avanzar e maniféstase en pequenas cousas, como na colonización por algas de baixío do fondo da enseada dos bloques. Entre o pasado ano e iste, púidose observar que a colonización algal achegouse abondo máis á beira do peirao de Mirasol, aumentando no resto a potencia da lama que o ocupa. No tesón de Mirasol ocorre algo parello, pois se o pasado ano as colonias de algas eran minúsculas, este xa medraron aínda que continúen a ser pequenas. E nos fondos entre o tesón de Mirasol e da Vila vella, tamén se apreza o fondo con limo máis que con area que constituía ata agora o chan formado e a masa que quedaba debaixo. É dicir, na zona estanse dando dous fenómenos complementarios: o aumento de algas e de lama nos lugares libres destas. A lama deposítase nos fondos ó ter a auga pouco movemento relativo e ser incapaz de arrastras xa abondas partículas microscópicas, indicando un réxime de circulación de auga menor, como corresponde neste caso ó peche en marea baixa da circulación de auga entre os tesóns da Vila vella e de Mirasol. o que á vez, manifesta a evidencia da continuación da colmatación da ría, a pesares dos dragados. As algas colonizan un 'chan fértil', subministrado pola lama: non hai algas en abundancia en fondos de area, que non é fértil. Mágoa que, ademáis de a lama non ter un aspecto limpo en xeral, na zona dos bloques de unha impresión peor ó verse de cando en vez algún resto no fondo; algo que por outra parte, está facendo da praia dos bloques (abondo concorrida dende a construcción das casas que a dominan) un solario máis que un lugar de baño
Este ano tamén viuse un velero francés, que coido que non é o primeiro ano que recala fronte as primeiras escaleiras dos bloques, na continuación do canal do porto, tumbado totalmente ó desviarse un pouco da posición idónea e quedar en marea baixa sen auga. A escea non se repetiu, pois inmediatamente despois abandoou o lugar.
Dos remuiños e correntes na zona, en particular nas diferencias baixada/subida na punta E do peirao de Mirasol e na punta do espolón dos Bloques falaremos algún outro día con máis datos.

Ningún comentario: