20100921

20100920, pleno (II)

Despois da entrada anterior e a nota de prensa do concello sobre o pleno, continúo co pleno propiamente dito.
No apartado de rogos e preguntas, entre outras moitas, apareceu unha resposta que está relacionada cunha pregunta do Tesón de hai algún tempo: a posibilidade de sacar o cadro do Viejo Pancho que está na antiga biblioteca para ter un mellor mantemento e poñelo en valor. Parece que vai destinarse á actual oficina de turismo, cunha parede que é do tamaño requerido, e de onde se sacarán os cocos para outro lugar, non estando claro (polo menos eu non o entendín) o destino do barco a escala alí tamén aloxado.
Tamén, por parte do PSOE, foron varias as preguntas sobre as condicións de contratación e subcontratación das obras do tramo de estrada cedido por Fomento, que deu lugar a momentos de desaire e que en xeral foron contestadas polo alcalde remitindo a súa contestación ó próximo pleno por non estar ó día do preguntado.
Seguindo cara atrás no pleno, o punto anterior foi unha moción do BNG en contra dos recortes sociais do goberno do estado e do autónomo, resumible como unha proposta de múltiples accións a favor do común a costa dos fondos do capital. En resposta, a UPRi anunciou o seu voto negativo e pideu dar exemplo, e deixar a supresión das deputacións (pedida dentro das medidas) 'para despois de que pague o pavillón', así como diminuír impostos, non aumentalos (non dixo 'ós ricos', pero ese era o sentido da proposta). O PSOE descolgouse co anuncio do seu voto en cotra e unha loa das virtudes do partido no goberno do estado. O PP argumentou a súa abstención. Nese momento, o BNG propuxo separar en dúas a votación referíndose á parte da moción en relación ó estado e en relación á Xunta. Nunha segunda rolda, o único a destacar en algún sentido é a negativa dos grupos, que deu lugar a unha votación na que se aprobou a moción contra o estado (6 de BNG e PP, nos que faltaban Horacio Cupeiro e JC Andina respectivamente, contra 5) e denegou contra a Xunta (3 do BNG contra 8 do resto). a disc usión deu lugar a unha increpación de F. Rivas ó alcalde: 'vostede é unha ruína para este concello'. A cousa viu a raíz de mencionar de novo o soldo do alcalde, resposta deste e argumento de Rivas de que o caso non é o que se cobra, senón o que se trae para Ribadeo por cada euro invertido no cargo.
A moción anterior a ista foi do PP, pedindo un aprazamento da devolución de orzamento de Galicia ó estado, ata que a economía medre ó 2%. UPRi anunciou a súa abstención e argumentou que se se pagara todo dunha soa vez (o prantexamento actual é pagalo en dúas anualidades) non chegaría para os gastos de funcionamento. O PSOE anunciou a súa abstención. O BNG reclamou outromodelo de finaciamento e lembrou que os concellos están nunha situación semellante (ribadeo ten unha liquidación negativa de perto de 200 000€, a devolver nun ano). O PP non aceptou a enmenda, e o BNG anunciou a súa abstención. Na votación, a moción aprobouse con só os 3 votos do PP. Neste punto, entre outras cousas, collín ó vóo o prantexamento da reducción do noitebús (a lembrar que Ribadeo ten varias liñas de noitebús subvencionadas, favorecendo o auxe do ocio nouturno), coido que polo PP, pero nestes momentos non podo aseguralo.
O punto anterior foron as licenzas de nova ocupación, nas que houbo unanimidade.
O punto 4º foi en relación ó 'POLGA', o antigo 'POL' ou plan de ordenamento litoral. Razoouse que en Santiago houbera bóas palabras, pero non aceptación das propostas enviadas, agás en relación ós ríos e corredores. E da sombra que ese plan proxecta sobre o xa dado por morto PXOM, plan xeral de ordenamento municipal, que se debe adaptar ó POLGA e en relación ó que se tramitaron diversas documentacións para ter un ditame claro (o que deu orixe a discusións sobre se se trataba de unha sinxela dilación para ganar tempo ou dunha necesidade de seguridade no veredicto). A cousa plantexouse no envío como alegacións das antigas suxerencias, en base ós informes dos técnicos municipais. O resultado, 8 votos a favor e tres abstencións do PP.
O punto 3, os festivos locais, que quedaron o 16 de agosto, San Roque, e o día da patroa, 8 de setembro.
O punto segundo foi a discusión sobre diversos decretos da alcaldía, entendo que en xeral sen relevancia, e dos que me quedei cun só detalle, a primeira vez que lembro que sae nun pleno algo polo estilo: a pregunta de UPRi sobre unha sanción ó Pub Pasillo e dúas ó Buga (se non entendín mal, respectivamente 200, 200 e 300€). Pregunta que non entendín moi ben a conto de que se facía, entendo que en defensa dos locais argumentando que istos podían levar o asunto por vía xudicial, ó non saber de ónde ven o son. O alcalde contestou no sentido de que el non era quen instruía os expedientes, e que en todo caso, si se identificou son dos locais, aínda que non esteña totalmente cuantificado. Eu engadiría que segundo a normativa actual do concello, que os partidos en xaneiro non quixeron anovar, son os locais os que teñen que coidar do ruído que producen os clientes ó entrar e saír. Os outros grupos, quizáis dadas as novas de prensa recentes (aquí, Voz)e a percepción de que a cidadanía non está pola labor de permitir o ruído, non moveron un dedo, en contra do que pasou en marzo, cando botaron abaixo unha nova normativa contra o ruído proposta polo goberno municipal (comentario sobre a normativa e o pleno da aprobación inicial da mesma).

Ningún comentario: