20100924

Que tería pasado en Ribadeo con 17 concelleiros?

A conta da variación no padrón municipal, especúlase cunha certa posibilidade de que Ribadeo pase dos 10 000 habitantes de cara ás próximas eleccións. Iso podería cambiar algunhas cousas, din, baseándose no aumento de concelleiros que iso supoñería: o concello pasaría de ter 13 concelleiros a 17.
Collo os datos do blog deixados nunha táboa despois das eleccións pasadas, e fago algunha conta: o que teria pasado se tanto no 2003 como no 2007 houbera xa 17 concelleiros. Aplico o método d'Hondt, divido os votos por un, dous, ... e collo os resultados maiores. Quedan en negriña os resultados con asento no mandato correspondente, en vermello os novos asentos que serían ocupados e en negro sen resaltar os resultados que non terían chegado a conseguir escano. E atópome con que a correlación de forzas políticas non tería variado grande cousa.

No 2003, o PP pasaría de 6 a 8 concelleiros, o PSOE de 4 a 5 e o BNG de 3 a 4, co que as alianzas mantidas para a gobernación no período 2003-2007 poderian terse feito tal cal se fixeron. Iso si, o 'corte' sería máis craro, pois mentras que nesas eleccións estivo a punto de perder un escano o PSOE en favor do PP, co que cambiraría de mans o goberno municipal ó ter o PP maioría absoluta, na nova situación os números resultantes serían máis diferentes.
No 2007, o BNG tería pasado de 4 a 6 concelleiros, o PP de 4 a 5, o PSOE de 3 a 4 e UPRi non tería cambiado o número de concelleiros. É dicir, o BNG seguiría estando en minoría, e UPRi seguiría sen poder ser bisagra. Neste caso máis recente, a existencia de 6 persoas no equipo de goberno, de non ter coalición como ocorre na actualidade, podería dar abondo máis xogo de movemento e actividade interna dentro do goberno municipal polo aumento dun 50% de persoal.
Pero o que máis pode chamar a atención é unha cousa natural: quen se lembra dos nomes da xente que tería entrado no concello de ser 17 concelleiros en troques de 13? Como serían para Ribadeo?
De calquera xeito, un cambio viría por outro bando: o aumento relativo de recepción de fondos para o funcionamento do concello. O que se fixera con eses poucos fondos máis, iso xa é fariña doutro costal. Algo que agora mesmo deben (deberan?) estar baraxando os partidos de cara ás próximas eleccións, e que poderia aproveitarse para facer unha reestruturación económica da Casa do Concello con algo máis de liberdade.

Ningún comentario: