1992: Ribadeo perde a rama sanitaria de FP... un feito, como outros moitos de perdas que leva Ribadeo. Eficiencia na xestión, alégase unhas veces. Aforro de cartos, outras. Non hai xente abonda (conxunto das dúas anteriores, dando un rodeo), aínda outras. Mentres, segue a derrama. Agora tocoulle o turno ó 'Bacepa', nome abondo malsoante que tras de si ten unha realidade: a do bacharelato (Bac) no ensino permanente de adultos (Epa).
Polo momento, 'non o levan'. Simplesmente, desarman o que hai, deixándoo no chasis, sen dar unha alternativa funcional. Na retórica oficial, substitúen a educación presencial pola semipresencial.
As razóns? O certo é que non o teño craro: Poucos alumnos, dixeron. A resposta do centro, contundente: aí están as listas e os asistentes. Eficiencia dos cartos (non o dixeron así ás craras, que eu saiba). Resulta que hai profesorado no centro que o imparte, o IES Dionisio Gamallo Fierros, con horas abondas para cubrir horario. Non se lles ocorreu dicir tampouco o de 'un maior rendemento educativo': sen preparación previa do centro, do profesorado e dos propios alumnos, dificilmente podería manterse máis aló de dez segundos unha afirmación semellante. Podíase ter dito tamén 'é o futuro', e quizáis por aí non irían moi errados... se o contemplaran como algo complementario, que pode facilitar as cousas a algunha xente, en troques de suplementario, dificultando o acceso á educación a xente que se está a beneficiar del nestes momentos.
En canto á técnica seguida para o cambio, a cousa está crara: ordeo, mando e faigo saber, e queda o verán por medio, dificultando as protestas de alumnos e tamén dos profesores. Tamén está a técnica política: se temos un grupo de man no concello, non hai apoio unánime á postura contraria ós nosos quereres, e nese sentido, vaise capeando o temporal. O tempo, de parte de quen manda: non é a primeira vez que sucede, a historia está chea de casos semellantes, e as cousas vanse esquecendo.
Polo medio, acusacións e medias verdades ou mentiras contra datos obxectivos. E desmobilización, facendo esquecer e esquecendo aquelo de se debe defender o que cremos xusto, nos afecte ou non: pois en caso contrario, ademáis de propiciar a inxustiza, córrese o perigo de non ter quen nos defenda cando sinxelamente defendamos un dereito que esteñamos a usar nós: eso tamén é educación.
En fin, aproveito o mandato da diretiva de O Tesón para, ó tempo que deixo constancia do apoio desta AVV á permanencia en Ribadeo do bacharelato presencial de adultos no actual formato presencial, tentar de que a sociedade ribadense non esqueza un problema máis e chamar a atención sobre algún aspecto da actualidade educativa ribadense. A educación pode ser un xogo, hai xogos educativos, pódese xogar ... pero sabendo que é un xogo, e que Ribadeo ten necesidades adultas, como pobo adulto que é.
Ningún comentario:
Publicar un comentario