O establecido legalmente é a realización dunha campaña eleitoral. A partir de aí, os partidos agrandaron o nicho temporal de captación de votos de diversos xeitos, de forma que hoxe case pode falarse da campaña contínua, dunha a outra elección: non se goberna, estáse en campaña.
A frase anterior é unha esaxeración premeditada, pero con fondo de realidade, ó tempo que aínda hai quen pensa que será en elección cando haxa unha valoración do seu traballo, sen decatarse que, o mesmo que pasa no ensino, agora hai 'avaliación contínua'. Non obstante, o alongamento da captación de votos fáise dun xeito consciente por meses e meses, pero non durante todo un mandato, e mesmo hai un 'pistoletazo de saída' para mobilizar entre os afíns esa conciencia de entrar en liza polos votos e aproveitar para sír na foto, de xeito correspondente coas novas que o primeiro día de campaña ilustran sobre a pegada de carteis da noite anterior (en realidade, da noite dese mesmo día). Nesas estamos xa, pois se algún partido xa fixo a cea de presentación de candidatura, esta fin de semana en Ribadeo, de cara ás municipais, foi o principal partido da oposición en votos, o PP, e o próximo, será o partido do goberno, o BNG. Anuncio de candidaturas á alcaldía que na realidade xa está feito, e cea de comezo dunha precampaña que xa está aberta, mesmo sen o anuncio da lista nin moito menos do programa eleitoral. Nos dous casos citados, conflúen máis coincidencias que a data aproximada ou a propia realización da cea. E non é a primeira vez que pasa, nin os únicos partidos que teñen tais semellanzas. Ata o anuncio por carteis e o custe son relativamente semellantes en tódolos casos. Será tamén semellante o seu programa? O seu ideario? O xeito de frontar os problemas do pobo? Será que todos están optimizados para elixir o mellor?
Hai algún tempo falaba de algo deso a resultas de ter participado nas consultas con algún partido. Esta fin de semana, José Mª Rodríguez afondou no tema. Por certo, que parece que o único partido que non está facendo consultas é o BNG. Quizáis pola súa visión máis xeral ó estar no goberno. Quizáis porque non queren entrar no xogo. Quizáis porque os integrantes principais non teñen tempo. Quizáis porque son conscientes de que o programa da vez pasada pode servir para esta. Quizáis porque as preferencias son outras...
Ningún comentario:
Publicar un comentario