20101119

Imposibilidade matemática

Hai tempos, xa o teño comentado algunha vez no blog, no que os temas acumúlanse e é imposible tratalos de xeito adecuado, calmo, e cun mínimo de profundidade. Así, nesta entrada, non é que teña que deixar a presentación do libro sobre Vilaselán que hai esta tarde na Casa das Letras, ou que volva a discontinuar o seguemento do último pleno, senón que mesmo un tema iniciado onte, o das vidrieiras, queda polo momento aparcado despois de colgar algunha foto máis (pero non todas nin moito menos), ou que non sexa tratado o tema dos roubos últimos pola zona.
Resulta que o Concello voltou a perder outro pleito máis. Non sigo o número de pleitos que perde o concello, pero parece que porcentualmente, a cantidade achégase ó 100% dende hai unha boa tempada. É dicir, á perda de todos os que manexa. Coa pouca información que sae do concello sobre algúns temas, pode que non sexa o 100% do resultado final dos contenciosos, senón que se quede nunha porcentaxe inferior, pero en todo caso, coido que convén facer algunha reflexión.
O que onte saíu na prensa sobre o resultado xudicial para o pago de 47 000€ ós comuneros de Ove en relación ós terreos de punto limpo e o resultado de hai pouco tempo en relación á contratación/despido dunha profesora de piano son só os últimos temas nos que se repite a cuestión, por máis que entre os dous a cousa ronde os 100 000 €. Non é só que se teña razón ou non, que non ter razón en ningún caso non parece moi lóxico cando se multiplican os casos (e que conste que como todo o mundo sabe, na década pasada teño ganado varios contenciosos ó concello). É que tamén sabe todo o mundo que non todos os xuíces opinan igual nin teñen a mesma interpretación das leis nin dos feitos, o que fai ás veces saír sentenzas que son noticia precisamente polas interpretacións legais incomprensibles 'dende fóra', o que fai predicir que mesmo o que non debería ser hai avogados que o aproveitan con uns ou outros xuíces e polo tanto, estatísticamente, o resultado de 100% de casos perdidos, aínda que non se teña razón nunca, é imposible.
Pois a isa imposibilidade se está achegando Ribadeo, e é cousa de preguntarse que pasa para que eso ocorra.

Ningún comentario: