Comecemos a historia hai cousa de dous anos... O Tesón promove un estatuto de participación cidadá, preséntao á Mesa de Asociacións para tentar consensualo, e logo é presentado no concello.
Ou comecemos aínda máis aló, hai perto de 6 anos, na primeira xuntanza das que se lle chamou 'Mesa de Asociacións', seguida dun intento continuo e continuamente malogrado de ter unha comunicación co(s) alcalde(s) como representante(s) do goberno municipal.
Ou aínda máis aló, coa aprobación en pleno o 13 de setembro de 2004 dun procedemento para a presentación de preguntas ó pleno (ós integrantes do pleno, fóra da orde do día, e polo tanto, do propio pleno) por parte das asociacións.
Quizais fóra cousa de comezar hai perto de dúas décadas, coa aprobación inicial dun regulamento que quedou fóra de combate, sen ser posto en práctica, esquecido e sobrepasado...
En calquera caso, estamos a falar da historia da participación dos cidadáns, dos ribadenses, na marcha do concello. Mellor, estamos a tentar falar da historia dos intentos de participación...
E é que mentres que algo se vai conseguindo con moito esforzo, a criatura aínda está no berce. Explícome.
Hai dúas décadas, houbo unha aprobación previa dun estatuto, como outras que logo se deixan sen levar máis aló porque xorden ó calor do momento, na procura de cousas como votos, visión nos medios, etc. De aquelo que quedou? A reclamación de seguir loitando para que se lograra algo efectivo co tempo, cos novos tempos que xa teñen engadido novas normativas xerais para guiar esa participación.
Dende o fin do verán do 2004, o funcionamento da quenda de preguntas fóra do pleno, requerido no seu momento pola AVV O Tesón, leva propiciado que a cidadanía se entere -ou mellor expresado, se achegue algo máis a enterarse- dalgunhas cuestións que non se tratarían na corporación municipal de xeito aberto. Pero é unha canle que, se ben segue a facer labor mentres non haxa outra que a mellore, o certo é que se queda moi estreita para os tempos que corren ou para calquera outro tempo (por exemplo, podo remitirme o pleno de 15 de novembro de 2010 para ver a súa funcionalidade). E así como as preguntas son en xeral directas, moitas das respostas recibidas parece como se tentaran dar un rodeo arredor da propia substancia que se demanda. Claro está, hai algunha excepción que como se soe dicir, confirma a regra.
En canto á Mesa de asociacións, leva anos sendo un lugar onde se tenta unha coordinación das asociacións veciñais, e con xuntanzas periódicas, ás veces reúne consensos e outras ten que limitarse a sinxelos intercambios de opinións entre os representantes das asociacións asistentes. A segunda parte desas xuntanzas, a reunión co alcalde despois do consenso, é abondo máis esporádica, a pesares das promesas recibidas (e incumpridas).
E, este luns, houbo pleno. Do concello? Mellor, dos concelleiros. Mentres, un fato de asociacións hai xa dous meses que entregaron ó concello un documento corrixido, borrador para o estatuto de participación cidadá, correspondente a unha proposta do concello deste mesmo ano. Non recibiron nunca contestación do presentado hai dous anos pola Mesa de Asociacións, pero atenderon agora de novo, cando foi o concello o que presentou un documento que nada ten que ver coa redacción anterior feita pola Mesa. Non obstante a resposta si que ten que ver coa da vez pasada: é a mesma, pois non a hai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario