20101202

De mulleres

Non puxen aínda nada de moitas cousas que o merecen. Entre elas, o acto celebrado hai pouco con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Nel, entre outros, leuse iste poema que poño a continuación(a raíz de atopalo xa publicado aquí), así como noutro momento, nun cursiño, visionouse o vídeo 'A princesa que quería ser muller' (ver abaixo):
Sextina de mulleres mortas - MARICA CAMPO

Apenas hai palabras e unha é morte.
Calella sen saída é outra: medo.
Chamámoslles muller, mais tiñan nome,
como falar de espiña a dicir rosa.
Todo foi un camiño cara ao sangue,
o voitre e mais a pomba nunha casa.

Eu quero acubillalas nunha casa,
vestilas de memoria contra a morte,
recoller como pétalas o sangue,
armalas, guerrilleiras, fronte ao medo,
alzar como bandeira libre a rosa,
berrar aos catro ventos cada nome.

No hai sitio no eco, tanto nome
non atopa apousento nunha casa.
A palabra será non máis a rosa
a constatar fatal que veu a morte
e amordazou o grito e mais o medo
que quizais aínda garda, frío, o sangue.

Nada pode esquecerse, berra o sangue,
regresan días cegos, din o nome,
din a dor, din a rabia, din o medo.
As pantasmas saloucan pola casa
e algún tremor oculto move á morte
cando a cinsa implacable alcanza á rosa.

Así morreu o amor, tal como a rosa.
A paixón que cantara polo sangue
deveu río letal, hedra de morte.
Boca que vos bicou comeuvos nome
e fostes unha peza máis da casa
posuída da couza, cor do medo.

El: sempre te amarei, non teñas medo,
ti es a miña estrela, a miña rosa,
a raíña do mundo, a luz da casa...
non me tires do xenio, haberá sangue!
Maldita a túa estampa e o teu nome!
Fuches ti quen buscou tan mala morte!

Se escribir tanto medo, dicir rosa,
trouxese a carne ao nome dende a morte,
volvese o sangue as veas, paz á casa.

Ningún comentario: