20101217

Estratexias comerciais

Aínda non se puxeron as luces de Nadal, pero este ano van ser de campanillas: un aumento do orzamento correspondente do 50% así parece presaxialo. Pola nova de prensa que uso, non me queda moi claro se o concello paga todo, os 9 000 € que costa, en troques de dúas terceiras partes que entendo que o xornal di que as pon direitamente, a parte da subvención a ACISA, que sería a que pagara de xeito indirecto o outro tercio. Das cantidades relativas poderemos falar en canto poda aclarar esta cuestión. En calqueira caso, este ano non haberá abetos a pé de tenda por mor do traballo que dan para os comerciantes e o manexo inicial e final: o medio ambiente coido que sairá beneficiado. Nada di a nova se este ano tamén haberá a todas horas os villancicos e, no seu caso, que criterio se seguirá para regular a potencia e horario de actuación dos altofalantes.
A estratexia de potenciación de vendas polo Nadal é usada dende hai moito, pero non entendo moi ben que se lle adique tal cantidade relativa de promoción en troques de tentar desestacionalizalas, como se di que se trata de facer no turismo. Tampouco entendo que non se faga unha avaliación do rendemento dunha estratexia comercial que se usa ano tras ano nun momento de pico de vendas e que ó final máis ou menos se di sempre que foi un éxito, precisamente porque hai o antedito pico, ou ben en todo caso se matiza considerando só a relación de vendas entre un ano e outro, en función das circunstancias económicas xerais. Val dicir que a música anima a xente a mercar? A música, as luces, poden animar. Que se traduza en vendas, ou a porcentaxe na que se faga, xa é outra. E será casualidade se o rendemento aflora, despois de ver o descontrol que caracterizou este tema outros anos, nos que non se utilizou ningún criterio para luces, música ou abetos, aparte de que noutros sitios fan algo polo estilo.

Ningún comentario: