20101223

ISBN?

O ISBN é o numeriño que levan os libros como identificación. Segue unha normativa internacional, e todo libro que se precie un pouco pídeo e lévao posto. Non é necesario, pero si convinte de cara á difusión. Ata este mes, viña sendo concedido en españa pola 'Axencia española do ISBN', un organismo público dependente do Ministerio de Cultura, que facilitaba nun buscador a localización de todo libro que seguira o sistema, e co que se tiñan que poñer en contacto as editoriais para obter o numeriño da publicación e pasar así a estar indexada en calquera sitio, comezando pola propia base de datos da axencia. Falo en pasado, e o certo é que polo momento todo segue en apariencia igual. Pero non, resulta que nestes momentos, está xa en mans da Federación do Gremio de Editores de España (FGEE), en condición de ser a asociación profesional con maior implantación no ámbeto estatal representando e defendendo os intereses xerais do sector editorial. Iso, a parte de significar que a partir de ahora, a FGEE cobrará tres euros por ISBN que otorgue -antes era gratuíto-, e será esa entidade privada quen se encargará de distribuír os números e xestionar os arquivos de consulta, empleados como fonte bibliográfica fundamental por bibliotecas e librerías. Arquivos que polo momento (1 ano) seguirán dependendo de Cultura. Despois? Non se sabe.
Ata aquí, unha privatización máis, encuberta polo feito de tratarse dunha asociación e non unha empresa quen se fai cargo. Esta vez, no ámbito de cultura, onde antonte aínda se logrou que a chamada 'lei Sinde' non pasara a maiores pola porta de atrás, polo momento. Iso de 'pola porta de atrás' significa sen ser votada polas cámaras como é en xeral preceptivo, pero en España se escamotea con farta frecuencia, vía procedementos abreviados que se procuran 'ad hoc' ou sinxelamente mediante decreto. Por certo, aínda non me logrei enterar nin do por que esgrimido para esta privatización (será só por cobrar 3€ por cada número pedido? - non o creo, nin que eu saiba foi posto como tal) nin que se vai facer coa xente que había na oficina (teño pasado por alí e aínda é unha oficina grandiña), que presumo funcionarios que pasarían a engrosar as filas de xente funcionaria polo momento con pouca tarefa a realizar, e a xustificar ese ataque ante o grosor do estado a adelgazar por calquera medio, mentras as funcións correspondentes pasan a outras entidades ás que se lle asigna a labor, xa privatizada e con aínda menos control público.
Coido que chegados aquí, hai que distinguir entre rendemento do traballo e necesidade dese traballo: que o rendemento funcionarial en España non sexa alto, por exemplo, por duplicidade administrativa, non quere dicir que haxa que reducir persoal onde si fai falta: racionalidade si, trasvase a mans particulares do que debera ser de todos, non.
Retomando o tema, aínda que xa non direitamente o do ISBN, alguén se lembra que en Ribadeo pasouse hai algún tempo a xestión dalgún servizo á Deputación coa desculpa de que tiñan máis medios, mentras o persoal do concello seguía sendo o mesmo?
Coido que a xestión pública pódese facer doutro xeito. Quedando en mans de todos.

Ningún comentario: