20101220

sobre unha piscifactoría

A finais da semana pasada atopeime nos xornais cunha nova sobre a piscifactoría de Pescanova na costa de Piñeira. Facendo un pouco de lembranza para todo o mundo, despois das reviravoltas diversas, xulgados incluídos, da piscifactoría que quedou na lagoa Cascos, cando estaba dando este tema os últimos coletazos, saíu á luz a pretensión de Pescanova de facer unha nova piscifactoría na nosa costa. Estaría ubicada ó oeste do Castro das Grobas, como mínimo limitando coa zona LIC, e dende a súa proposta, xa variou o seu emprazamento previsto para alonxar un pouco máis as instalacións, tanto da costa como do castro. Despois, nada.
Agora é o PSOE quen pregunta que pasa coa piscifactoría á Xunta, acusándoa de non querer dar para adiante ó proxecto. Tomando as cousas con cautela, pregúntome se non sería á empresa a quen lle correspondería dar o primeiro paso da reclamación, en troques de ser o PSOE quen o faga en primeiro lugar, polo menos a nivel de prensa. E non parece que sexa a empresa quen lle pedira ó partido que presentara a iniciativa no parlamento galego como se fixo, pois non aparece a cousa así por ningures.
En canto á situación actual da proposta empresarial, descoñezo se houbo algún cambio dende a última vez, na que se ben se podía acceder a algunha información tendo ido a Celeiro a procurala (sempre que un non tivera amiguetes ben situados, claro), o descoñecemento era xeral, e o coñecemento, puco anunciado. se a cousa segue adiante, haberá que facer un seguimento.
De calquera xeito, o que máis me chamou a atención da nova foron, por unha beira, o parágrafo no que o xornalista di que houbo unha 'suave oposición' á piscifactoría no su momento. Parece evidente que se volta a haber oposición, non será tan tímida. Pola outra, que se volve a repetir o dos '80 postos de traballo'. Algo que lembra cando quen se postula na actualidade a alcalde polo PSOE fixo apoio do recheo 'vello' e houbo quen me dixo que se xerase un só posto de traballo, xa pagaría a pena. O destrozo na ría quedou aí, coa variación de tamaño dos tesóns ou a redución da canle de acceso a Mirasol, o posto de traballo que se creou durante moito tempo foi por traslado da rula/Confraría de pescadores, e non exnovo, pero si, creouse un aparcamento e agora hai unha empresa instalada aí, que como había espazo, preferiu facelo antes que nos antigos locais dos pescadores... Neste caso, os 80 postos poden ser algo polo estilo: mallar a costa a cambio de nada. Por iso, o que falaba do seguimento da proposta.

Ningún comentario: