20110118

20110117, o pleno do 'buen rollito'

A parte da aprobación da acta anterior, punto primeiro, e de rogos de preguntas, o último, foi tratada a dación de contas, a normativa da ORA e as taxas (en puntos 3 e 4), o regulamento de participación cidadá, o regulamento de réxime interno da escola de música, a retrocesión duns terreos a Ove, licenzas de primeira ocupación, dous convenios urbanísticos con Coniproma (pto. 9) e Coniproma e Julio e Anselmo (punto 10), e varias mocións de urxencia, algo que xa se está a converter en típico nos plenos ribadenses.
Os 14 asistentes no momento máis concurrido asistimos a un pleno que se moderou en duración respecto a outros, rematando pouco despois das dez e cuarto, e no que o alcalde esqueceu contestar as preguntas de O Tesón que xa estaban previstas para o pleno pasado. Cando cheguei dicirllo, xa os concelleiros estaban levantados...
Outra cousa que tampouco se tratou foi o apoio solicitado á corporación para o regreso do xulgado. Ó que parece, ningún grupo o botou en falta. Coido que Ribadeo si o botará en falta, despois dunha esperanzadora foto de conxunto arredor das sinaturas recollidas.
O do 'buen rollito' foi un chascarrillo que se acuñou pouco despois da metade do pleno, a raíz de que non houbo discusións relevantes, e que quedou repetido abondas veces para tentar remachar que cada quen estaba poñendo da súa parte a súa miga de distensión e colaboración, se ben a forma de uso e a reiteración levaban máis a cachondeo que a outra cousa.
Na dación de contas pasaron preguntas de moi diversos temas, entre os que están o baleirado da fosa séptica da praia das Catedrais (4 000 €), o plan de mobilidade urbana encargado a Novotec (22 244 €, e que se está pagado, é de supoñer que esteña rematado aínda que non se saiba moito del), e unha ristra de preguntas en conxunto sobre facturas de publicidade e propaganda, para facer fincapé na necesidade de reducción de gastos xerais.
En canto á ordenanza de réxime de aparcamento, discutiuse algo sobre o horario, tras a desestimación na comisión informativa da alegación da Atalaia, quedando o horario 9-14 (10-14 os sábados) e 16-20, exceptuando os domingos. A postura dos partidos non variou dende o pasado pleno, co PSOE a favor e PP e UPRi en contra, quedando aprobada a regulación e as taxas.
En canto ó regulamento orgánico de participación cidadá, foi aprobado por unanimidade, case sen discusión. Como comentarios ó tema, foi presentado á aprobación un documento no que aínda aparecía a palabra 'Santiago' nalgures en troques de 'Ribadeo', o que indica que non é o documento presentado pola mesa de asociacións: aprobouse a proposta da mesa a reforma do artigo 11, pero non as demáis propostas. Espero que polo menos se corrixira a diferencia de formato entre diversos anacos do documento. Na escasa discusión que houbo, Ramón López, despois de dicir que había máis asociacións, rematou dicindo unha frase en relación a por que non se presenta O Tesón ás eleccións. Dada a imposibilidade de contestar ós señores conselleiros nun pleno, contesto particularmente dende aquí:
a) O Tesón, como organizador da xuntanza da Mesa de Asociacións, chamou a tódalas asociacións de veciños do concello, acudindo quenes quixeron. Tanto á xuntanza anterior á entrega da proposta por parte do alcalde como á posterior, de tipo xeral, e na que se quedou aínda para outra máis, monotemática sobre o regulamento. Se algún grupo non quixo acudir e quixo segregarse ou non colaborar, ou sinxelamente non estivo na xuntanza por desidia, certamente non foi considerado. E certamente, si houbo asociacións que non participaron, como se pode comprobar cunha lista.
b) Ó que parece, e dadas as correccións que sufriu o documento, a análise foi máis profunda na Mesa de asociacións que a nivel de cada un dos partidos.
c) Despois de ver a querencia dunha asociación nas eleccións, é máis doado comprender a confusión que existe nalgúns políticos entre o privado e o público, ou entre a organización interna dun partido e a organización social: unha asociación de veciños ten outros cometidos que un partido, sinxelamente, é outra cousa. E aínda que non fun preguntando pola querencia política dos socios de O Tesón, é doado coñecer casos de tendencias políticas contrapostas no interior da asociación.
d) Despois de dous artigos anteriores (1 e 2), queda pouco por explicar do proceso que levou á aprobación inicial de onte dende a parte visible fóra do pleno. É de supoñer, despois da unanimidade (aínda que pode ocorrer que haxa inconcebibles cambios de voto como ten pasado outras veces), que a versión se manifeste como definitiva próximamente, aínda que haxa alegacións. E pouco por explicar, pois a letra aprobada non implica que se teña en consideración despois, como xa ten ocorrido tantas veces, pretendendo deixar cousas aprobadas en letra morta. Aprobar é doado, e máis se hai un consenso de atribución de nula importancia; coa falta de comprensión e procura gratuíta de enfrontamento coas asociacións que poden resultar críticas, a atribución por parte do representante do PSOE está clara. Falta por saber a ciencia certa a idea do resto dos representantes no pleno.
En canto ó RRI da escola de música e danza, houbo unanimidade despois dun pequeno intercambio, no que quedou claro que o despido do anterior director está pechado xudicialmente.
A regresión dos terreos do vertedoiro selado á Asociación de montes de A Capela de Ove tampouco tivo problema, se ben se quixo deixar claro no pleno que hai un mantemento que non se pode eludir.
Igualmente por unanimidade se votaron as licenzas de primeira ocupación e os dous convenios urbanísticos, referidos á rúa de Pintor Fierros e á esquina de Avda. de Galicia e Paco Lanza.
Foron presentadas despois a consideración varias mocións de urxencia, sendo aprobada en tódolos casos a urxencia e refundidos textos por solapamento, quedando reducidas a dúas, que foron aprobadas: unha, en relación ó traslado do servizo veterinario á Pedro Murias, e outra, en relación ó alza de custe da electricidade.
No primeiro caso, houbo un debate sobre a conveniencia, xa que quen fai as xestións en materia veterinaria non soe residir no pobo moitas veces, coa contestación de que tamén os hostaleiros fan xestións que requiren o servizo veterinario, e que as taxas correspondentes para calquera xestión téñense que pagar nas oficinas bancarias do centro urbán. Ó final, foi aprobado o documento por unanimidade, tras a refundición.
No caso da suba da luz, houbo tamén unha refundición ó ser incorporado o gas ó escrito, e foi aprobado cos votos en contra do PSOE.
En canto a Rogos e preguntas, que durou máis de media hora, os bacheados das rúas levaron a palma de intervencións. Só destaco que requeriuse unha atención ós letreiros das rúas, en abondo mal estado xeral. E outra atribución curiosa que se fixo no pleno: nun momento, o alcalde viuse sorprendido ó ser tildado de ter bo 'feeling co bispado'.
-- Actualización a 20110217: Xa está a acta na web do concello.

Ningún comentario: