20110112

Programando Ribadeo: xa non é o que era

A última medida rápida tomada polo concello é o apuntalamento da Torre dos Moreno. Despois de diversos avisos, aínda que rápida, era esperada unha medida semellante. Ademáis do apuntalamento, que se une á rede posta con anterioridade para evitar a caída de cascotes á rúa, implicará o peche da rúa Villandrando ó tráfico rodado e dunha parte do Cantón para o paso de peóns. Anos dicindo que se cae, parece que tentando o mercar máis parte do edificio, e chegamos a isto.
Hai algúns anos, O Tesón sacou á rúa o libro 'Ribadeo no tempo. Outro Ribadeo foi posible', e un par de anos antes, eu deixei colgada na rede 'Ribadeo falls. Presentación sobre as casas caíntes'. A denuncia correspondente ó estado dalgúns lugares leva tempo feita.
Pola parte da representación política, declaracións de intencións varias, incluídas en programas electorais moitas veces... Non se pode dicir que nunca se fixera nada: agora mesmo están a concederse axudas para casas no casco vello, e o certo é que o aspecto da zona leva variado abondo en poucos anos. Pero polo que se ve pola Torre, non abondo e non abondo rápido.
Ben, no 2007 tivemos unha nova Corporación Municipal. E antes, programas electorais de tódolos partidos. A catro meses das eleccións municipais 2011, e ante a inminente finalización e saída á rúa das novas propostas partidarias, coido que pagaría a pena facer revisión do escrito antes das eleccións e ver o desenvolvemento posterior dos feitos. Dende O tesón, a metade de mandato pasado (2003/2007) fíxose unha cualificación do axuste entre as promesas e os cumprimentos que se enviou ós partidos, sen facer público. Neste mandato (2007/2009) non se chegou a facer, pero todo o mundo pode comprobar os folletos que os partidos en liza presentaron e ter unha referencia para ver se, dentro das posibilidades de cada un, despois seguiu a liña marcada ou non. Pode ser un exercicio interesante (a parte de excelente para o desenvolvemento da propia cidadanía), que leva o seu tempo e polo tanto, de ter intención, non se pode deixar 'para outro momento', senón que agora é o momento de realizar a comparación. Os datos, sucintos, están na rede, nas ligazóns anteriores, e entendo que é mellor unha mirada propia que a espera das comparativas dos partidos para autopromocionarse.
De aquí a maio, continuará.

Ningún comentario: