-- 4ª parte; 3ª parte; 2ª parte; 1ª parte --
Se estás a ler isto despois das entregas anteriores (Participa, coño! 1 e 2), é que tes interese no tema. E un mínimo de información. Polo tanto, xa non se trata de chamar a atención cun titular malsoante, nin de facer ver que a pretendida participación pode ser unha imposición ou comenencia. Trátase sinxelamente de exercer un dereito e un deber.
A diversificación da participación cidadá encaixa dentro dos consellos sectoriais de área que configura o título IV do regulamento proposto. Os consellos contemplados como posibles (de Asuntos Sociais, Medio Ambiente e sostibilidade, Escolar, de Cultura, da mocidade, da Muller, de Deportes) de seren creados terían un posto representativo no consello veciñal. Na actualidade só funciona un, o correspondente á muller, como foi dito na entrega anterior. Unha característica fundamental destes consellos é que son ad-hoc, como proba o parágrafo seguinte: “Cada Corporación deberá, ao comezo do seu mandato, resolver a creación dos Consellos municipais sectoriais que estime procedentes, cesando automáticamente a totalidade dos membros dos mesmos e as funcións dos Consellos co gallo da convocatoria de cada nova elección local.” Isto evita unha continuidade que sería desexable de ser considerado válido un consello determinado, e crea unha dependencia do equipo de goberno correspondente que os manexará segundo estime.
Complica máis o anterior o que teñan idénticas funcións que o Consello de Relacións Veciñais, no seu ámbito de actuación, ou que o regulamento de cada un sexa aprobado polo pleno de xeito independente, facendo patente unha compartimentación que dificulta as accións conxuntas.
O título sobre a iniciativa cidadá, o número 5, admite a presentación de iniciativas colectivas pero tamén das individuais. Cunha precisión importante, que máis que limitar o número, potencia a profundidade das iniciativas posibles: han ter abondo grao de elaboración previo como para que se poda valorar direitamente o ser executables. Aínda así, os parágrafos seguintes ó que especifica o anterior poden enfriar algo a consideración positiva do título: o primeiro que se fai por parte da administración é informar dos trámites que se seguirán e de que se comunicará de se se considera ou non. Sen prazos. O segundo, especificar que se debe axustar á disponibilidade presupostaria. E aínda despois, fala dunha avaliación antes da inclusión dos presupostos anuais.
O título seguinte trata da consulta popular. É dicir, da consulta ó pobo en conxunto. Coido os medios de difusión xa se fixeron eco a comezos do 2010 de consultas populares en Cataluña por parte de concellos, algo recoñecido legalmente xa no ano 1985. A consulta pode ser iniciada pola alcaldía ou por o 8-10% dos electores. Despois da indefinición de porcentaxe, o texto só fai referencia a que se cumprirá a lexislación que ordea as consultas. Entendo que o título non engade nada sobre o que xa está concedido por esa lexislación de orde superior.
A participación nos órganos de goberno da pé a un título que aglutina dous artigos nos que o único que se fai é referirse a outros anteriores, especificando as mesmas condicións de participación (que son estipuladas no artigo 10, título 1º, e que non é citado de xeito directo).
Respecto á audiencia pública, estáse directamente o que se di na lei de réxime xurídico das administracións públicas, do ano 92. Pode ser pedida polo 5% da poboación afectada ou polo consello sectorial correspondente. Ó non estipular un xeito de medición da poboación afectada, a medida, para ser iniciada popularmente, depende da vontade ou criterio das instancias políticas correspondentes. Polo demáis, aquí si se establecen prazos, que abranguen un total de dous meses e medio dende a recepción da documentación, e, enténdese, aceptación da súa adecuación ó procedemento.
En canto ó título para a declaración da utilidade pública de entidades e asociacións, pode pedirse tal declaración con poucos requisitos, basicamente presentando unha instancia, un informe de inscrición no rexistro municipal e unha relación de actividades dos dous últimos anos. Se se declara de utilidade pública, a entidade correspondente ten ventaxas: pode usar o título, acceder ás axudas económicas establecidas e ós medios locais para o desenvolvemento das súas actividades, e ter os beneficios fiscais que correspondan segundo as ordenanzas municipais que traten o tema e o Título Primeiro da Lei Xeral Tributaria. A cambio, teñen que emitir os informes que lles sexan pedidos e presentar as actividades realizadas cada ano. E, de xeito máis doado que á hora de concederlles o título, este pode serlles quitado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario