Como estaba anunciado, venres tivo lugar a presentación do libro 'La colegiata de Ribadeo'. D. Jacinto fixo un comentario do libro parte a parte, e o autor, un repaso en particular da parte dorrespondente á historia máis antiga, resaltando que se o libro ten posibilidades de novelado, non é unha novela, senón un libro que tenta achegar a historia.
Estando na mesa, non puiden tomar moita nota de todo o que alí sedixo. Deixo a continuación só a miña intervención:
La colegiata de Ribadeo
José Mª Rodríguez Díaz
D.L.S-51-2011
Comecei a ler o libro que nos ocupa dun xeito moi diferente de como o rematei. Comecei a ler o libro dun amigo e rematei cunha novela na imaxinación e as ganas de saber máis.José Mª Rodríguez Díaz
D.L.S-51-2011
Noutras presentacións, sendo a persoa que menos sabía do tema, limitábame a facer unha semblanza do autor e relacionalo co seu escrito. Neste caso, podo asegurar que cumpro coa condición do parágrafo anterior: confundía tranquilamente colexiata e convento de S. Francisco. Mais, co permiso das dúas persoas que me acompañan e que coido que todo o mundo coñece, unha presentación sería redundante. Permítanme facer das miñas palabras algo informal, que non inexacto, confiando en que eles suplan coa súa intervención a miña informalidade.
A obra foi referida polo autor como un opúsculo. Ten o seu nacemento nun artigo que da a coñecer os resultados de longas indagacións, e si, é pequeño, pero coido que é un libro, non un artigo, estudo nin un opúsculo. En todo caso, e como teño falado con el algunha vez do tema, deixaríao nun xenérico 'obra'. E pénsoo coa mesma idea de fondo que me fai dicirlle ó autor que hai cousas que fixo mal: sen contar documentos nin fotos son cincoenta páxinas, pero diría que unha lectura detida do escrito da para extenderse en explicacións e consecuencias varias veces máis do que ocupan as súas páxinas, que coido contan no seu interior con información para ser explicada de xeito divulgativo en máis de cincocentas. Foi ise pensamento, e tamén sentemento, o que me fixo saltarme o protocolo inicial para tentar dar algunha pincelada que me doe que poidera quedar entre as moitas que non se darán aquí por falta de tempo.
Foi tamén o que me fixo recorrer a José Mª para que me explicara algún detalle que non chegaba a acadar, porque non tiña a bagaxe abonda como para interpretalo correctamente, ou ir á procura do diccionario en internet para, recorrendo a unha páxina sudamericana, atopar a verba 'recle', que me dificultaba o entendemento dunha pasaxe. É pois difícil de ler? Non, senón só unha sinal de que pode ser lido con diferentes profundidades sen problema.
Pois, que tipo de libro creen que é este? De historia, acaso? Sobre Ribadeo? Relacionado cun edificio? Por suposto, a resposta a todo o anterior é si. Pero imbrícase na xente e na sociedade que presenta de xeito que tamén parece tratar de temas recentes ou de actualidade, mesmo de futuro, con casos de corrupción ou intereses económicos, con connivencias entre igrexa e poderes públicos, mesmo ás veces cunha narrativa que leva cara á novela. Deixando, en calquera caso, a cabeza amoblada para poder desenvoltar unha historia novelada o mesmo lector ou a mesma lectora.
Coñecer o pasado para construír o futuro impulsa a recuperación da memoria. Algo que parece que se enfronta co 'carpe diem', pero que na realidade compleméntao. Así se complementa o libro de José Mª coas nosas necesidades. Exemplos? Recollo xa na páxina sete unha frase, 'titánico esfuerzo de un pueblo que, consciente de sus derechos (…)'. Está claro xa que o libro non fala só de historia, senón das leccións da historia, incluídos o pulo popular, os fraudes, a economía municipal... E isto, vese que xa se pode observar no prólogo.
Ó ler, pódese ver o conxunto ou detalle a detalle. Aquí, pódese elixir, sen que suceda o descrito pola metáfora que indica a posibilidade de que as árbores non deixen ver o bosque. Por poñer un par de exemplos, pódese elixir un destaque da cita das obscenidades no lavadoiro ou o máis xeral regulamento, por mandato do bispo, da regulación da vida no cabildo eclesiástico e civil, ou optar por quedarnos un so dos apartados do binomio vida espiritual floreciente e dexeneración, que de ambas cousas houbo.
Amosa o libro, dentro das inxerencias igrexa-poderes civís, diferentes posibilidades e mesmo tratos nos que gostaría estar presente para ver o seu desenvolvemento, como se chegou a eles; tratos que en calquera caso déixase traslocer que tiveron o pobo detrás, apoiando a solución.
A colexiata tampouco se pode tomar como algo illado. Abonda con dicir que estivo relacionada co porto polo dereito de anclaxe de que disfrutaba para obter fondos. Ou, retomando a economía noutro sentido, pódese facer a traverso dos datos do libro, unha idea do valor relativo das cousas materiais e espirituais nalgunha época. Afondando na economía, cando se tratou de refacer a colegiata, mesmo podemos atopar unha certa relación co actual Gaiás, coa obra pasando en pouco tempo dunha valoración de 230 000 reais a 750 000 reais...
Saen nas páxinas que se comentan tamén persoeiros de sona en Ribadeo: Antonio Raimundo Ibáñez aparece facendo xestións primeiro dun xeito totalmente desprendido, sen compensación, aínda que logo, á vista dalgúns acontecementos no tempo intermedio, volve á capital do reino a facer outra tanda de xestións, pero xa con dietas que triplicaban as dun arquitecto traído para inspeccionar a nova obra. Que foi o que ocorreu no medio? A que parece unha novela?
A colexiata foi cerrada por ruína vai camiño de 250 anos, no 1777. Coa idea de facer unha nova. Con perda de datos históricos na demolición. Sen chegarse a ver unha nova construcción despois... Completouse un ciclo histórico. Quizáis tamén no pulo dos ribadenses, certificado polo feito de que deixaron suprimir a colexiata no 1851, sen rechistar abondo, aínda que se continuara falando do tema por longo tempo. Quizáis xa estaban afeitos a falar pero non actuar.
1 comentario:
Intervención esta tua que se pode dicir que superou ó autor. E fíxome reflexionar que, quizaves, se contara coa tua axuda cando a estiven redactando, houbera saido moi millorada. Pro agora sa foi, marica non chores. Noraboa pola profunda análise que fas do traballo.
Publicar un comentario