20110423

Algunha cousa

-Publicado en 'La Comarca del Eo' desta semana-
Achéganse as eleccións municipais. Chegan as promesas, pero tamén un motivo para voltar a vista atrás e complementar ou suplir a propia acción como cidadá. E con elo, facer repaso de moitas cousas transcorridas estes anos (non só dos catro últimos), ou que mesmo agora están a transcorrer e se proxectan cara ó futuro.
Poderían collerse moitas cousas diferentes. Quizáis as que veñen a continuación non sexan as máis importantes dentro das que están nas mans do concello (o da importancia depende tamén de quen a esteña a xulgar), pero levan no candeleiro meses (ou anos) e seguen sen solución, cando aparentemente non son problemáticas por haber un amplo acordo. Así, a residencia de maiores, as vidrieiras da capela do cemiterio, o Castro das Grobas, o xulgado, o ascensor da Atalaia, ...
Cada unha delas necesita un tratamento abondo máis amplo do que lles vou dar aquí. Tívoo. E teráo.
En canto á residencia de maiores, a comisión da plataforma constituída ó efecto acordou parar no periodo pre- e eleitoral, despois de asegurarse que tódolos partidos levan no seu programa o impulso para a súa construcción (seguro que se plasmará de xeito diferente, e haberá que ver as diferenzas), polo que, polo momento, deixo só o comentario de que o tema segue, aínda que haxa un paréntese anunciado.
En canto ás vidrieiras do cemiterio, despois da denuncia pública feita polo Tesón caeu o mutismo administrativo mentras a asociación comeza a impulsar un movemento cara á súa recuperación, á espera de que quen pode falar, fale. Pancho Campos xa ten recollido algún dato, mentres José Mª Rodríguez foi último en falar da situación, no seu blog e na Comarca. Así, Pancho contou as 600 pezas de vidro montadas de cada unha das vidrieiras enteiras (hai varias que teñen só dous dos tres corpos nos que están divididas). En total serían 4 000 pezas as montadas antes do destrozo. E as que hai que recuperar. Só esta cantidade, a parte da propia reproducción dos vidros cunha técnica que ten que ser complexa, ou da minuciosa montaxe necesaria, da unha idea do monto económico que pode supoñer o voltar as vidrieiras a un estado decoroso, o que pode rondar os 500 000 €. De onde se van sacar os cartos, quizáis dun seguro? Podería dar lugar á formación de xente que entenda do tema en Ribadeo e ó nacemento dunha industria relacionada? De canto tempo estamos a falar? Moitas preguntas, e poucas respostas polo momento. Respostas que haberá que ir dando, pero que ninguén -léase dentro da corporación municipal- pide
En relación ó Castro das Grobas, vai para dous anos que se fixeron as catas, das que se deron moi boas referenzas iniciais. Díxose naquel entón que se atoparan 300 pezas, pero tamén que cara a setembro (de 2009) entregaríase un informe completo do tema. Non sei se se entregou, a pesares de que tentei enterarme. Se o houbo (que supoño que si, por contrato coa xente que se encargou da escavación), difusión non tivo. Isa difusión sería o seguinte paso. Mentras, un lugar que pode servir de turismo de proximidade a Ribadeo, está a servir para encherse de novo de maleza. Fíxose algunha actividade para promocionalo (a parte das de O Tesón que focalizaron a atención sobre a paraxe)? Un díptico que indicara o lugar cun par de fotos do atopado? No seu momento díxose que se ía tapar de novo para evitar o roubo de posibles restos. Nin iso.
O xulgado de Ribadeo segue en Mondoñedo. Sinaturas si, foron recollidas polo Tesón. A foto da entrega das sinaturas para o seu envío ó Ministerio congregou a representantes políticos dos catro partidos políticos instalados na corporación en Ribadeo. A resposta de Madrid aínda non chegou, e terá que ser reclamada, a parte de que necesite unha entrevista, por exemplo. Pero a nivel local, tampouco houbo movemento: no seu momento, pediuse apoio, e de xeito oral, coido que todo o mundo presente na foto estivo de acordo con facer unha petición común no pleno, aínda que se dixo que xa houbera peticións anteriores. Iso foi o 31 de decembro. Pasaron xa máis de 100 días e dous plenos ordinarios, e a solicitude segue orfa pola parte política. Máis de medio século sen xulgado e o que virá aínda.
Se miramos ó ascensor da Atalaia, e deixando á beira cuestións como que sexa un ascensor panorámico que tapa o panorama, ten habido accións tentando paralo nas dúas corporacións implicadas, ou pedindo que se fixera un estudo de custes de mantemento. As respostas via pleno foron vacías. A día de hoxe, que saibamos, non hai dito estudo, pero si hai gastos, reflexados xa nos plenos pasados e que se poden consultar nos rexistros correspondentes. Díxose tamén que as instalacións ó pé podían albergar unha tenda de cara o turismo, que podería ter asemade información e mesmo botar un ollo polo ascensor. Polo momento non hai nada. O ascensor úsase (con diferenza grande entre épocas, non é necesario estatísticas para constatalo) pero desenvolvemento posterior non houbo. Un estudo de beneficios económicos que compensaran a súa construcción ou mantemento, tampouco.
E poderiamos seguir. Outro día.

Ningún comentario: