Ista volta a solución foi rápida. Hai dúas persoas relacionadas xa cos destrozos do cargadoiro. 22 anos. Quen? Polo momento, non é público.
Nas novas, hai algunhas aristas que non se ven patentes nos titulares a primeira vista, aínda que sexa nova de interior de artigo ou mesmo subtítulo. Neste caso, destacaría dous puntos importantes. O primeiro, a colaboración cidadá. Non se especifica en que consistiu, pero valórase positivamente. Coido que é para valorala. Ribadeo vai medrando e cambiando, e a instalación do pasotismo ou mesmo negativismo aparenta moitas veces que vai tomando forza. Como dicía hai algúns días Ángel Alda nun comentario, aínda estamos a tempo de evitar unha determinada transformación (a peor). Pero as transformacións son algo que vai evolucionando pouco a pouco, case sen sentilo, e onde un feito illado non é máis que iso, e non unha tendencia. Somos o pobo quenes temos que transformalo nesa tendencia, en base á repetición.
A segunda, que costas mantén a propiedade, mesmo fai unha valoración dos danos levándoos a 24 000 €, pero non paga, por ser o concello o encargado do mantemento. Por outra banda, na nota de prensa da alcaldía apúntase a unha restitución por parte dos causantes. Vése que as cousas van abondo máis rápido neste caso que no das vidrieiras do cemiterio, dun monto económico que estimo unha orde de magnitude maior, e do que haberá que seguir a falar, evitando o esquecemento. Neste caso, como se pretende que quen pague sexa un terceiro, non unha das entidades que reparten propiedade e mantemento, é de esperar que a cousa vaia máis rápida que a ponte en Arante, con tres administracións implicadas a parte de permisos da confederación hidrográfica, e que acumulou un retraso de posta en marcha tendo como consecuencia a incomunicación dunha zona do concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario