20110404

Rendemento económico: unha imaxe da física para comprender algo do que pasa en economía

Nos tempos que corren, é convinte o ter unha idea clara de como se obtén o rendemento económico. O cálculo do mesmo pode darnos unha información precisa de como funcionan algunhas cousas no mundo. E, ó igual que noutras partes da economía, podemos aproveitar un modelo físico ben probado e desenvolto para facer unha adaptación á economía e así comprender mellor o que pasa nesta última.
O rendemento económico dunha actividade pode así poñerse en relación co rendemento termodinámico, cun esquema ben coñecido, que se pode especificar como se fai aquí á beira: O círculo, que representa calquera máquina que funcione obtendo traballo a partir dunha fonte de calor (ó fin, unha fonte de enerxía), ten un rendemento que ven dado en relación á enerxía recibida e é igual ó traballo realizado entre a enerxía recibida, ou á diferenza entre calor recibido e calor cedido, entre calor recibido. De igual xeito, pode amosarse que é tamén igual á diferenza entre a temperatura á que recibe o calor menos a temperatura á que cede calor, entre a primeira de ambas temperaturas.
Deste xeito, se queremos aumentar o rendemento, ou ben temos que aumentar o calor recibido (equivalente a aumentar a temperatura a que se recibe) ou baixar a cantidade de calor cedido (equivalente a baixar a temperatura á que se cede). O primeiro caso significa darlle máis enerxía ó sistema, mentras o segundo significa retirar menos enerxía del; en calquera dos dous casos, o resultado é que queda máis traballo resultante.
Vaiamos agora á economía, cunha sinxela comparación: relacionemos o calor recibido pola máquina térmica cos cartos que entran nunha empresa, o calor cedido cos cartos que saen, e o traballo resultante co beneficio empresarial. Así, de xeito equivalente ó que pasa en termodinámica, para aumentar o beneficio, teremos que facer entrar máis cartos ou facer que saian menos cartos: o primeiro caso significa máis ingresos e o segundo, menos gastos, quedando en ambos máis lucro resultante.
É dicir, o que queda para aumentar o rendemento empresarial é básicamente aumentar o recibido polas vendas (o 'calor do foco quente') , ou diminuír os salarios e pagos de subministros (o calor cedido no 'foco frío')
Visto nunha perspectiva histórica, tecnolóxicamente, foi máis doado aumentar o calor dado ó aparello térmico, darlle máis enerxía (ou, de xeito equivalente, vender por un monto de cartos maior -máis e/ou máis caro-), pero despois, xa que as temperaturas acadadas foron abondo elevadas (ou as vendas difíciles de aumentar, ó ser saturado o mercado ...) púxose no punto de mira o rebaixar o calor cedido (pagar menos polo produto, por exemplo rebaixando o custe dos subministros ou o salario), rebaixando a temperatura (enfriando a actividade sindical, por exemplo) o que require técnicas un pouco máis complicadas: ó elevar a temperatura (a enerxía entregada ó aparello térmico, ou o nivel das vendas e polo tanto a cantidade de cartos que entra na empresa) só hai problemas 'técnicos' de capacidade (a competencia, por exemplo), o intento de baixar a temperatura do foco frío (a calor a el entregada, ou as prestacións sociais ou o nivel de actividade sindical e os cartos pagados ós traballadores) enfróntase coa limitación da temperatura ambiente (enfróntase coa estrutura social) que ten que violentar enfriando de xeito forzado (que ten que violentar forzando a sociedade) ...

Ningún comentario: