20110501

Un artigo de Pablo Mosquera: A democracia comeza nos concellos

(publicado en castelán na Voz de Galicia)

A democracia comeza nos concellos

En 1911, na súa cidade natal de Alcalá de Henares, don Manuel Azaña estréase como orador cunha conferencia titulada 'O problema español'. Este home, cuxa vida transcorre entre a influencia da contorna para un intelectual metido na política e a achega da súa bagaxe curricular ao complexo mundo que lle toca vivir, desde os primeiros momentos do seu discurso subliña o peso da cultura democrática como elemento indispensable para a convivencia e o carácter municipal da democracia.

Hoxe, gran parte dos problemas que sufrimos teñen que ver co Estado, que non debemos confundir co Goberno. Talvez por iso, cando se enquisa ao cidadán repítese machaconamente que, tras a situación económica e o paro, son os políticos a preocupación e a desconfianza da veciñanza.

Os partidos políticos seguen empeñados en ser un fin en si mesmos; non están dispostos a deixar paso ás reformas democráticas que os fagan transparentes e medios entre a sociedade e as institucións da división de poderes do sistema democrático. A sociedade civil cada vez ten menos espazo, está máis vixiada, máis encorsetada por normas «polo noso ben», que logo se demostra que chocan cos dereitos fundamentais ou serven para recadar rápido e seguro.

A calidade da democracia vai depender da calidade das mulleres e homes que ocupen eses postos electivos nas institucións onde se administra o poder que emana do pobo. E esa historia comeza nos concellos, coas virtudes da honestidade e o servizo ou cos vicios ao uso da corrupción, o arribismo interno na empresa partidaria e a soberbia no trato co cidadán.

Hai tres típicos aspirantes a concelleiro. O que leva catro anos desaparecido, pendente do ingreso da nómina a fin de mes, e que fará a campaña insultando, para que se note que volveu ao pobo. O que cambiou a chaqueta e logrou un posto de teórica saída, para empezar a «gozar» de carreira política. E o ben mandado que non serve para nada máis aló do aparello. Estes déixano todo perdido e así nos vai.

Hai outros. O que segue sendo un paisano, traballador, cos amigos de sempre, vivindo como adoitaba. O alcalde que considera máis importante a rede de rede de sumidoiros, que non se ve, pero se nota. A estes, todos lles deixariamos a chave das nosas casas.

Ningún comentario: