Algunhas cousas para pensar
Dende O Tesón, como veciños que somos, vímonos decatando de diversas cousas no transcorrer de Ribadeo. Unhas veces, reciben publicidade, outras, a maioría, tentamos sinxelamente de que se fagan realidade. Van de cousas prácticas a outras que sinxelamente afirman a Ribadeo, pero sempre, que repercuten na vida de tódolos veciños dun ou outro xeito, de tal maneira que creemos mellorarían a Ribadeo.
Escribimos isto, días antes de que remate a campaña electoral, para facelo dun xeito xeral, e chamar a atención só dun puñado de cousas -poderían ser outras- tentando que todos reflexionemos de cara ó que pode ser o día de mañá en Ribadeo. Día de mañá que se pode extender durante catro anos.
Dende O Tesón estaremos pendentes para facer un seguemento dos programas, e, se é o caso, unha cualificación do cumprimento. Non é a primeira vez que o faremos, aínda que non se fixera público nas anteriores ocasións. Así, sinxelamente gardamos os programas destas eleccións o mesmo que o fixemos das anteriores, e lembrarémolos sen esperar ós catro anos, porque a democracia éo no día ó día, sen circunscribirse a un día cada mil cincocentos.
Dende hai anos pedimos unha interlocución fluída entre os políticos e os veciños. O resultado foi un Regulamento de Participación Cidadá, aprobado polo Pleno do Concello, que tratamos de axudar a facer sen que as nosas propostas acadaran a consideración necesaria -antes dese momento- que foi alegado -despois-, e polo de agora está en paradoiro descoñecido. Por outra banda, falamos de xeito informal con varios partidos, e o resultado non foi un compromiso real, senón só algunha idea para o programa electoral correspondente.
O retorno do Xulgado, que empuxamos mediante unha recollida de sinaturas ata o mesmo 31 de decembro do pasado ano, fixo posible unha foto de conxunto dos representantes políticos. Pero dende o 31 de decembro pasou moito tempo, e ata o momento, non hai un acordo do Pleno para apoiar as sinaturas enviadas a Madrid, nin tan sequera se fixeron xestións para adecentar o actual edificio asignado ó Xulgado de Paz. Non estamos parados, non. Pero de novo parece que seguiremos a estar pouco acompañados, polos nosos representantes, para lograr que Ribadeo recobre algo que perdeu “por falta de jueces o aspirantes que puedan servirlo” (B.O.E. 26-novembro-1965) ¿Que pasa, seguimos sin xuices e aspirantes? ¿Ou é que a creación de demarcacións totalmente novas está por riba das primixenias que sempre existiron? ¿Como é posible que na mesma resolución, se incorporaran ó xulgado de Mondoñedo os de Viveiro e Ribadeo, e o cabo dun tempo se devolvera á existencia o de Viveiro, e o de Ribadeo non? ¿por que esta descriminación?.
O nome da ría deu lugar á nosa denuncia contra un medio de comunicación asturiano. De novo, que Ribadeo figure ou non en sitios que deberan seguir a normativa oficial ou en lugares que se non son oficiais, son moi importantes para o noso turismo, como Google Maps, ou a asignación de Ribadeo a Asturias nalgunha rede social, parece que non acapara nada máis que atención marxinal os nosos representantes. Temos documentos de actuacións pasadas, e da normativa legal, pero oficialmente non somos nós quenes debemos actuar. Creemos que incumbe, e moito, a Ribadeo e ós seus intereses. Pero non temos oído moito do tema nesta campaña electoral.
Do que si se falou algo, foi do tráfico e accesibilidade. Pero un plan para as bicis, por exemplo, non parece que ninguén o teña claro máis aló de ver o bo que sería telo. E, polo medio, xa se leva realizado en estado máis ou menos adiantado, un par de estudos que incluirían algo relacionado co conxunto de accesibilidade e tráfico. Iso sí, hai unha permisidade manifesta, do tráfico semipesado, practicamente en tódalas rúas peatonais: bicis non, furgonetas sí.
Levamos reclamado durante xa medio ano, sobre a destrucción das vidrieiras da capela do cimeterio, e aínda estamos perplexos de que non se saiba nada. Creemos que algo se debe estar a facer, pero dubidamos do que se está cocendo cando todos os partidos calan mentras pasa o tempo. Haberá algo que se nos esteña escapando e que os partidos nos esteñan perdoando para non ter que reconvirnos públicamente? Se é así, que non se preocupen, que nos digan que pasa, con claridade, pois queremos esas explicacións, son necesarias para evitar máis futuras barbaries e que queden impunes. Nós somos veciños, e tratándose das vidrieiras, un ben patrimonial de todos, levamos un longo camiño na escuridade, do que queremos sair.
O Castro das Grobas ten reclamado a nosa atención máis dunha vez, pois creemos que sería doado aproveitalo de xeito turístico. Algunha sinal para acceder a el, o deseño dunha ruta e un folleto, serían puntos básicos para iniciar un aproveitamento que polo momento non se vislumbra. Poucos cartos, pero de novo máis de esquecemento que de seguir adiante, aínda tendo en conta a limpeza que se fixo ou as catas, que se fixeron con gasto de recursos públicos, e das que se dixo se ofrecerían os resultados ... hai ano e medio, e non se divulgaron. Non hai que esquecer que novamente están implicadas administracións controladas por varios partidos, pero que teñen que ser requeridas polo Concello, para que den as explicacións pertinentes.
Reclamamos sentidiño nas propostas, nos programas, e realismo para adxuntar a cada programa un plan para levalo a cabo. Senón, todos e cada un dos programas, en maior ou menor medida, non será crible: será incrible.
Ben, din na Biblia que o número sete é moi grande xa. Por iso, aquí rematamos, aínda que, como dixemos ó comezo, somos conscientes de que habería moitas outras cousas: como un exemplo máis, a ansiada Residencia de Maiores, na que non vemos que as ideas dos partidos evolucionen a pesares do movemento veciñal.
En fin, só lembrar que o de hoxe é un día como calquera outro para reflexionar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario