Este verán está habendo un tempo raro por Ribadeo. Tormenta, o que se di tormenta, non hai. Sol, a ratos, e, a maioría, nubes. Pero a outros niveis, hai tormentas, mesmo contínuas.
Por exemplo, a nivel político, unha tormenta lonxana, pero na que está metido Ribadeo a traverso do seu alcalde: cunha maioría nos plenos, e máis xente no equipo de goberno, parecería que a ese nivel as marexadas están solucionadas. E si ... pero non. Na casa, en Ribadeo, a maioría está actuando de maioría, con autoridade clara. Pero hoxe aparece na prensa unha marexada a nivel externo. O noso alcalde, entre os cabecillas de un cambio de rumbo no BNG. Ó que parece, trátase máis ben dunha cousa práctica, no procura dos votos. En palabras de Fernando Suárez, non se pode ir tan lonxe que non os entendan. Iso é certo, coido que ademáis non é a primeira vez que o di nos medios, pero da unha razón de estratexia, non de cambio de idea, co que saco a conclusión que deixei antes.
O escrito comeza falando da loita por manter os servizos conquistados. E aquí, a parte das loitas internas (cruentas ou incruentas), saen varias ideas a ter en conta: se os servizos foron conquistados, estamos falando non de servizos, senón de parcelas de poder.
A continuación fala de novos xeitos de participación. E temos na mente o regulamento de participación cidadá de Ribadeo, cunha traxectoria que non é certamente rectilínea e que aínda non culminou.
E fala de facer máis con menos. Non debera de representar novidade, nin de dicirse tan só. Evidentemente, sempre hai límites nese quefacer con menos fontes de ingresos, pero debera ser norma en calquera administración telo integrado no seu discurso e actividade
En fin, non vou a comentar todo o documento, pero si voltar o derradeiro parágrafo do mesmo, no que se pide participación, pero interna ó bloque, facendo pensar en que os 'novos xeitos de participación' refírense tan só a iso, á participación de portas para dentro.
No documento sae a relocer outra tormenta, ista de máis entidade tanto pola magnitude como polos efectos, a tormenta financieira. Aclarar que eu mesmo lle chamo crise, pero quédome aí: non é unha crise das finanzas, senón inducida na xente polas persoas que manexan as finanzas, que é ben diferente. Por iso me quedo no de crise, sen apelidos: non sei moi ben como cualificala.
O caso é que a crise deu un novo paso, coa turbulencia sobre Francia, que fixo onte desplomarse as bolsas a nivel mundial (a española, máis que a media), e aumentar as primas de risco (outra vez). Agora ben, o concello de Ribadeo, ten débeda, non si? Moi posiblemente non aumente o tipo a que mantén a parte fixa ... ata que se renove, que alomeno en parte seguro que fará falta renovala. E a outra parte? Pois de seguro que vai variando o tipo segundo o mercado. E iso significa pagar máis a calquera novo vaivén, ás veces,aínda que sexa por menos débeda -segundo o concello, estase a diminuír a débeda este últimos anos- en contra do manifestado no documento que comentaba antes (parece que este caso, o vaivén de onte, a porcentaxe de interese non subiu para a débeda española).
Ningún comentario:
Publicar un comentario