20110811

Sobre o xulgado. Nota de prensa da AVV O Tesón 20110810

Recollido de http://o-teson.blogspot.com/2011/08/sobre-o-xulgado-nota-de-prensa-20110810.html
Hai xa un mes, o 13 de xullo, que a AVV O Tesón presentou no concello un escrito foi preguntando polo Xulgado. Nel facíase lembranza de que o 31 de decembro do pasado ano foi asinado polos representantes políticos, con destino a D. Francisco Caamaño, Sr. Ministro de Xustiza, un documento con sinaturas, con 1376 sinaturas, encamiñado a conseguir o retorno do xulgado de primeira instancia a Ribadeo, nunha campaña que foi promovida pola asociación veciñal. A prensa testemuñou daquela a presenza de representantes de tódolos grupos políticos, presentes naquel momento e na actualidade nos plenos municipais. As sinaturas foron enviadas por correo o primeiro día do ano, e foi notificada ós medios e tamén de xeito oficial a súa consecución e o seu significado.
Dende o fin de ano pasaron moitas cousas en Ribadeo e en España. Non só o tempo, máis de sete meses, senón tamén cambios na corporación muncipal despois das eleccións, ou a convocatoria de eleccións xerais a nivel estatal para o próximo 20 de novembro. Pero, no tema do xulgado, que pasou? Dende aquel momento, e despois dunha campaña pola nosa parte encamiñada a conseguir o máximo de sinaturas e impulsar a petición, non se soubo nada máis do tema. Que información hai sobre os trámites seguidos pola corporación ou outra instancia diferente do concello, en relación a conseguir a volta do xulgado a Ribadeo? Ningunha. Que se fixo? Temémonos que nada. Suxiriuse no seu momento unha moción de apoio no pleno, procurouse unha unidade para que os políticos saíran na foto manifestando o seu apoio. Ata agora, nada. E, mesmo pasado un mes da presentación do último escrito, tampouco resposta a el polo momento.
Sabemos que a recuperación do xulgado, despois de case medio século, non é cousa pequena. Así, houbo iniciativas anteriores, sen procurar o apoio popular, de cara a conseguir a súa volta, sen éxito. Pero tamén sabemos que se pode facer. Naquel momento, tamén a Viveiro reitrouselle o xulgado. E retornou ó cabo dun tempo. A Ribadeo, non.
Mentras, temos unha oficina xudicial na Praza de Abaixo de Ribadeo, cun Xuíz de Paz, cargo ocupado na actualidade por Victor Manuel Sanjurjo Láncara, Choupín. Ocupa unha casa enteira. E está destartalada. Calquera que se achegue alí a algunha das poucas xestións xudiciais que se poden facer, poderá atoparse un edificio que foi magnífico nun estado de abandono que non encamiña a pensar na consecución dun nivel superior de servizo. Quizáis por aí se podería comezar a manifestar a querencia do xulgado por nosos representantes: urxindo a que as instalacións actuais sexan mantidas e adecuadas, facilitando de paso o acceso á xente maior ou impedida, facilidade que nunca tiveron.
Outro 'mentras': Mentras o que se busque sexa o non moverse para saír na foto, non será doado que Ribadeo volte a ter un xulgado que a poboación reclama.
Por último, un detalle: Pode ser que Ribadeo non teña dereito ó xulgado. Nese caso, debería demostrarse que ten menos dereito que outras poboacións que si o teñen. Pode ser que as novas tecnoloxías o fagan innecesario. Iso é voltar á mesma resposta anterior: sería menos necesario que noutras poboacións que si o teñen? Mentras esa demostración non teña lugar, os políticos que nos representan non están facendo os seus deberes nesta materia.

Ningún comentario: