Esta carta pretende informalos da situación pola que atravesa neste momento o ensino público despois dos recortes feitos pola Consellería de Educación. A nosa intención é buscar a implicación de pais e nais na educación dos seus fillos, cando menos o seu apoio moral e a súa comprensión cara algo que nos afecta a todos: profesores, alumnos e familias.
¿Que é o que esta a pasar?
Despois de, por exemplo, suprimir a gratuidade dos libros de texto no curso pasado, neste diminuíu drasticamente o número de profesores, aumentouse o horario lectivo, imposibilitando o desempeño doutros labores, e encárgaselles por primeira vez a estes tarefas que non lles corresponden (gardas de transporte escolar).
Nos centros de ensino, e no noso en particular, os recortes están tendo como consecuencia que:
-Non hai profesorado suficiente para cubrir as gardas lectivas, e poder así substituír aos que, por calquera motivo, non poden impartir a clase.
-Non hai profesores para atender a biblioteca, o cal repercutirá no servizo de préstamo e demais actividades desenvolvidas nela.
-Non se poden atender todas as necesidades educativas existentes, como proxectos educativos, atención a alumnos con dificultades, etc.
-Existe profesorado que ten que impartir materias das que non é especialista.
Mentres nos explican que o motivo dos recortes é a necesidade de aforro pola crise, as axudas ó Ensino concertado e privado van en aumento.
O ensino é un dereito que temos e non un privilexio; nas nosas mans está defendelo. A súa participación é importantísima: pidan explicacións, infórmense de cómo afectan os recortes aos seus fillos, protesten ante as autoridades pertinentes. Vostedes son destinatarios deste servizo público, por iso lles pedimos comprensión, solidaridade e IMPLICACIÓN.
Asinado: Profesorado do IES Porta da Auga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario