20111013

Lembranza dun profesor: don Juan Suárez Acevedo

A continuación, un artigo de J. Manuel Yáñez Dablanca, Director do IES Dionisio Gamallo Fierros, que apareceu na Comarca a semana pasada, acompañado dunha ligazón a un artigo de D.Juan Suárez Acevedo en publicado en Ribadeo.


Hai xa uns 13 ou 14 anos que gardo un artigo do profesor Juan Suárez Acevedo que lle pedira co gallo do 40 aniversario do instituto de Ribadeo. Queríamos facer daquela unha recopilación de recordos, historias e glosas do que foi para algúns a etapa máis feliz e importante das súas vidas; coñecer a pegada que deixaran as vivencias e os estudos no Laboral en todos aqueles xoves que viñan dos catro puntos cardinais para obter un título en Ribadeo.
Coñecín pouco a don Juan, pero foi o suficiente para recoñecer nel un sabio tranquilo e sosegado no falar, un intelectual efervescente, indómito e implacable na análise das cousas, e un inagotable e orixinal conversador en calquera faceta que a vida ofrece a través da súa experiencia.
Moitos son os que evocarán o seu recordo e a súa imaxe como profesor de historia, e moitos tamén os que o citarán como provocador dos seus estudos ou dos seus recordos de adolescencia, a fin de contas nos seus 40 cursos de docencia (como el mismo recoñece) pasarían polas súas clases uns tres mil alumnos. Primeiro como profesor encargado do ciclo de Geografía e Historia no instituto Ramiro de Maeztu de Madrid entre os anos 1945 ó 1949, e logo xa como Director do colexio de ensinanza media recoñecido santo Tomás de Aquino de Ribadeo ata a súa incorporación ó Instituto Laboral de Ribadeo, no que sería Secretario (1961), xefe de estudos (1965), vicedirector (1966) e Director a partir do ano 1970.
Da súa obra haberá mellores ocasións e estudiosos para analizala, pero todos chegamos a lelo avidamente nas súas colaboracións na Comarca que afunden as súas raíces nos finais dos 40.
Este artigo que presento resume facetas importantes sobre a ensinanza ribadense nos anos 50, das circunstancias concretas que favoreceron a creación do Instituto e tamén de moitos protagonistas que, como el mesmo, contribuiron á cultura, formación, educación e progreso do que hoxe representa non só Ribadeo senón unha parte importante da nosa sociedade. Amosa tamén cun par de humildes pinceladas parte do seu perfil como docente e das súas pretensións como persoa. Queden pois aquí estas súas palabras como rendido homenaxe a un profesor culto, honesto e intelixente.

Artigo de D. Juan Suárez Acevedo

Ningún comentario: