20111121

Datos de Ribadeo, Lugo, Galicia, España, algunha pregunta e algunha cousa máis.

Estamos no día despois. Abaixo deixo os resultados electorias de Ribadeo, Lugo, Galicia e España, tomados da páxina oficial. Para os datos comarcais, aquí.
Coido que é para pensar a comparación dos resultados en escanos cos ofrecidos aquí, que resultarían dunha proporcionalidade non guiada polo método d'Hondt. Algo que debería terse presente á hora tanto de valorar as eleccións como de procurar un cambio na normativa legal sobre elas.
Sobre o Senado non poño nada agora. Moito se leva falado da súa importancia ou falta dela e da conveniencia da súa eliminación. E as cifras, 136-48-outros, falan abondo. Queda para outra entrada.
Collendo a primeira táboa, de Ribadeo, atopamos que o PSOE do descalabro a nivel estatal (en Ribadeo perde 2/5 respecto ás anteriores xerais), o que se ten pedido refundar dende xa antes das eleccións, resulta que acada perto de dobre número de votos que nas eleccións locais. E en Ribadeo non se refundou...
Tamén observamos que o BNG perde case 2/3 dos votos en relación ás municipais debido ó efecto estatal, pero mellora resultados e é un dos lugares de Galicia no que ten mellores cifras, conforme coas municipais. Aínda así, non aproveita a caída de votos do PSOE.
A nivel provincial, o PSOE perde moito, pero aínda así, non tanto relativamente como a nivel estatal. É dicir, poderíase dicir que Blanco segue tendo uso do efecto cacique, pois como teño dito é iso o que potenciaba o seu lema aquí, máis, a nivel Galicia, a perda de porcentaxe de votos é semellante... Abrangue o efecto a toda Galicia ou non existe tal e hai que procurar o resultado noutro lugar?
Do arrase do PP, xa esperado, pouco que dicir. En canto ó BNG, sabíase da extrema dificultade de sacar un deputado e iso inflúe en que a porcentaxe sexa menor que a nivel Galicia. O 'voto útil' propiciado por d'Hondt.
A nivel Galicia, despois dos 2/3 de nomeamentos a mans do PP, a nova é que o BNG mantén os dous deputados, pero sofre asemade unha pequena baixa no número de votos, non recollendo nada do descalabro do PSOE.
A nivel estatal, o PP ten un colchón de 20 deputados  mentres que non chega ó 45% dos votos emitidos. Aumenta a abstención, pero sobre todo (aínda que represente menos en número), aumentan os votos nulos e os votos en branco, conforme o desencanto da xente e a petición de diversas plataforma arredor do 15M.
Aumenta IU, pero non o que perdeu PSOE, que se dispersa e vai tamén a parar de xeito preferente a UPyD, que a unha certa distancia da porcentaxe de votos de IU, pero sobre todo, de actas de deputado, convírtese na cuarta forza máis votada.
Do resto, a comparación debe facerse coa proporcionalidade para observar un camiño.
Sobre o futuro? Rajoy aínda non fixo declaración máis de que non prometera nada ... a nós. Nos papeis están as promesas variadas en función do tempo, e todos temos algunha idea de por onde veñen os tiros.
[Por certo, algo a lembrar: para ver ampliada a táboa de abaixo, premer co botón dereito para abrilo só, e logo ampliar tamén co rato]

Ningún comentario: