Hai xa tempo que o alcalde ven espallando a súa idea de que Ribadeo sexa unha pequena vila. A conta diso, non é a primeira volta que sae no blog, nin tampouco a primeira que reflexo a miña idea de que a cantidade de veciños non é tan importante como a calidade de vida.
O caso é que despois de catro anos de dicir que Ribadeo pasaba de 10 000 habitantes e non verse refrendada tal afirmación polas estatísticas oficiais, parece que desta poidera ir, despois de que o INE certifique que o concello pasa lixeiramente desa cifra (1023 habitantes) cando o padrón xa a ten superada hai algún tempo (10 266).
Chama a atención a discrepancia de cifras oficiais en perto de 250 persoas, cantidade avultada que representa un 2,5% sobre o total, e que parece un pouco difícil de explicar, pero o caso é que agora xa ambas cantidades superan o límite, co que é previsible que o concello poda optar a un nivel de percepción de cartos lixeiramente maior, a parte de aumentar en catro o número de concelleiros.
Respecto a isto último, con 17 concelleiros,as últimas municipais quedarían como expresa a seguinte táboa:
É dicir, cada grupo tería un concelleiro máis, co que o BNG perdería a maioría absoluta. Algo que sempre debera terse en conta polos políticos, non como prevención para interferir, senón nos seus propios cálculos.
O alcalde fala de crecemento sistemático, e si parece que a xente que ven inmigrada a Ribadeo non se marcha en cantidades importantes coa crise económica, á que se xunta unha crise de natalidade da xente afincada hai tempo e que daría por terra cos incrementos de poboación.
6 286 dos empadroados viven na vila, o que supón o 66,7%, isto é máis de 2/3 da poboación, marcando un deterioro poboacional das parroquias, que se despoboan nunha sangría cara a vila e a falta dun reposto xeracional ou inmigración, ámbalas dúas cousas das que se beneficia en maior medida a vila.
De calquera xeito, exercicios numéricos a parte, os problemas que sofre Ribadeo (ou as solucións das que pode desfrutar) seguen sendo máis ou menos os mesmos, pois, por exemplo, non significa un maior número de xente máis cantidade de xente maior nun futuro? e non significa iso que a medra a necesidade dunha residencia de anciáns?
Ningún comentario:
Publicar un comentario