Onte, X. Álvarez Corbacho ofrecía no xornal un artigo no que expoñía un feito que se ven producindo longo tempo: a transferencia de cartos entre empresas e administración é favorable ás empresas. É un pouco farragoso non a base de números, que non ten, senón a base de enumeracións administrativas e legais, pero o resultado si o deixa claro.
En Ribadeo o pasado pleno introdúxose a aprobación primeira da normativa que inclúe a ocupación de espazos públicos. Dita normativa inclúe diferentes cousas, dende limitacións no uso de espazos ata prezos. E foi neste último apartado, non nos anteriores, onde xurdiu a polémica, protestando pola suba fundamental da ocupación do espazo público. A conta diso, ocorréuseme botar algunha conta. Collamos unha mesa, cunha ocupación de 4 m², o que representa 2 x 2, unha amplitude considerable, superior á media que se pode observar noutros lugares. De estar todo o ano en terraza, podemos supoñer que entre finais de maio e as festas, 100 días, polo baixo, ten unha rotación diaria media de máis de catro pases, cunha ocupación media de 2,5 persoas (xusto a media entre 1 e 4). Isto fai mil consumicións só nesa época. Cunha sobrecarga de 0,3 € por consumición por estar en terraza, fai unha caixa extra por ese motivo ó longo do período indicado de 300 €. Compárese esa cantiade, botada polo baixo (outra cousa é a xestión de cada local e o aproveitamento que faga do espazo) coa taxa municipal, unha orde de magnitude inferior, e verase que o concello está facendo posible unha ganancia para o local abondo superior ó que ten que pagar de taxas.
2 comentarios:
Está vostede a confundir "ingresos" con "beneficios". É un cálculo que moitos pequenos empresarios fan e logo aparecen os problemas tanto de liquidez coma de solvencia.
Non, estou comparando os ingresos xerados direitamente polo usa da terraza cos custes da mesma terraza na parte correspondente ó concello. Sei que están aparte os custes de camareiros, aínda que só no aumento correspondente pola atención da terraza.
Publicar un comentario