20111226

Bo tempo, pero frío

Días soleados, pero máis ben fríos. O tempo meteorolóxico, a temperie, ás veces é como un alter ego para outro tipo de situacións. Nestas datas de Nadal, con discursos varios, de real a local e volta ó comezo, saen as boas palabras a relocer como o Sol que nos ilumina e produce un benestar se se está exposto ós seus raios. Pero en canto pasa esa exposición, en canto as verbas se alonxan, volta o frío inverno da crise. Chega facer algunha comprobación como na igualdade aseverada polo Rei en canto ó trato da xustiza ós cidadáns. Boas verbas, pero se contradín a realidade diaria, de pouco servirán. A parte de que xa está nos xornais que idénticas palabras díxoas hai 15 anos, e o que levamos visto dende entón non corresponde exactamente a elas. A comprobación nas verbas do alcalde é máis sinxela: a cita 'nunca choveu que non escampara' confronta as verbas de ánimo para combater a 'choiva' cunha realidade na que chove e haberá que esperar a que escampe.

Ningún comentario: