20111212

Morosos

Mentras un galo lonxano declama dende hai algún tempo, o mesmo que día tras día dende hai máis dun mes, leo na prensa a morosidade de Ribadeo e lembro débedas xa sabidas do noso concello. Hai tempo (moito, mesmo en épocas de vacas gordas) que ven arrastrando pagos a empresas e particulares, de xeito que mesmo se ten solicitado en pleno o pago de contas de longo percorrido temporal. Case se pode dicir que é recurrente que a oposición lembre algúns pagos e o goberno diga que se está mellorando neses pagos atrasados doutros mandatos. A cousa tomou outros derroteiros, non máis preocupantes pero si novedosos, cando se pasou da participación das vilas mariñeiras. Naquel momento recoñecíase unha débeda, a pagar máis adiante, e razonábase de xeito diferente o deixar de pertencer á asociación por cuestións de rendemento da inversión (algo que aínda comentei non hai tanto a conta dunha foto enviada por Ángel Alda sobre un anuncio nun autobús madrileño), algo interpretable como natural ó tempo que disparaba a resposta do por que da participación de Ribadeo sen esixir máis ata o momento. E, aínda que xa anteriormente ó episodio das vilas mariñeiras se sucederon casos como a devolución ó estado de cartos, os episodios dese estilo, nos que intervén dalgún xeito todos e cada un dos concellos a nivel España, contarían doutro xeito que estes relativamente pequenos detalles que si son individualizables.
Agora é Alfonso Fuente Parga, o alcalde de Barreiros e presidente actual da Mancomunidade, o que reclama que Ribadeo se poña ó pago nas cotas con esta institución de pertenza voluntaria con misión de favorecer a prestación de servizos dos concellos. Polo que di o xornal, Ribadeo debería 6 200 € (aínda que non me saen as contas para que así saia o total de 64 000 € que reclama Parga a varios concellos)
A cousa é que de pasar a deber a xente ou empresas con pouca (ou costosa) defensa ante o impago, estase pasando a deber a institucións que manexan en pé de igualdade ou mesmo con máis posibilidade de recursos o tratamento deses impagos.
Se é verdade que se está adiantando no abono da débeda a particulares e pequenas empresas, sería un trasvase de débeda dunhas a outras instancias, que saltaría á prensa por mor das posibilidades destes novos acreedores. Se non, sinxelamente é un aprofondamento na mala situación das contas municipais.
Voltando ó que di o alcalde de Barreiros, os morosos deben pagar ou pagar: é dicir, dun xeito ou outro, a mancomunidade, coa débeda demostrable, cobrará, e aínda que o primeiro método que propón (o pago directo das débedas da mancomunidade por parte dos morosos) é de aplicación difícil de creer, só a perspectiva de que hai xa solicitadas subvencións de xeito directo por parte da mancomunidade que implicarían que non as recibiran os concellos ata agora agrupados, impusa a pensar que é certo.
Por suposto, non estamos a falar aquí dun vello concepto, o da honra de facer pago ás obrigas contraídas.
Deixo ó pé a foto de dous Boletus Edulis, seta comestible e saborosa, cunha idea: o aproveitamento do que dispoñemos ó noso arredor, que pode axudar na economía, sexa familiar ou pública.
Boletus Edulis

Ningún comentario: